Os Premios Gran de Area 2025 do COAG recoñecen a ampliación e conservación do Museo Massó en Bueu
O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) ven de distinguir a obra de ampliación do Museo Massó como un dos proxectos premiados no seu certame de arquitectura anual, “Gran de Area de aportación á arquitectura”.
Os espazos rehabilitados inclúen as antigas naves, onde se poden ver as embarcacións tradicionais e as ferramentas da carpintería de ribeira; a antiga Salazón Piñeiro, e a Sala Urbano Lugrís, o espazo estrela la rehabilitación, que se sitúa no piso superior da salazón e permite apreciar as pinturas de Lugrís de gran formato.
A restauración dos espazos permitiu adaptar os inmobles ao uso museístico, aplicando oficios e técnicas tradicionais que aseguran a súa preservación e autenticidade.
O proxecto partiu de recuperar a estrutura sen derrubar a súa historia. Así o xurado valorou o “profundo respecto ás preexistencias e pola posta en valor das distintas etapas construtivas que conforman este singular conxunto patrimonial industrial. A análise rigorosa da evolución histórica dos edificios guiou unha actuación exemplar, na que cada fase da transformación do conxunto é comprendida e preservada. A restauración dos espazos permitiu adaptar o edificio ao uso museístico, aplicando oficios e técnicas tradicionais que aseguran a preservación da súa autenticidade. O resultado é unha intervención que exemplifica boas prácticas na conservación do patrimonio e na interpretación contemporánea da arquitectura industrial”.
O proxecto de rehabilitación foi promovido pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e foi levado a cabo por Alberto Redondo Porto, José Martín Valladares Durán e Marcial Rodríguez Rodríguez.

