Museos

A Xunta aproba a integración do Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia, en Narón, no sistema galego de museos

O Consello da Xunta deu este luns, 29 de decembro, luz verde ao acordo para a creación e cualificación do Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia, xestionado polo Concello de Narón, que pasa así a integrarse no Sistema galego de centros museísticos tendo en conta a súa contribución a difundir e poñer en valor un testemuño significativo da evolución das actividades industriais en Galicia.

Deste xeito, esta nova incorporación súmase á rede de 96 espazos recoñecidos ata o de agora, entre os que se atopan outros tres centros de interpretación do patrimonio cultural: o da Fundación Legar en Quiroga, o da Torre de Hércules, na Coruña, e o do Muíño do Pan de Baamonde. A eles únense 23 coleccións rexistradas (aquelas que cumpren con criterios museográficos sen chegar reunir os requisitos propios para funcionar como un museo) e 70 museos, completando deste xeito as tres categorías contempladas pola Lei de Museos 7/2021.

Así, o complexo dos muíños de Xuvia gozará do recoñecemento que supón estar baixo o paraugas deste sistema, contando coa garantía de que cumpre con todos os requisitos en canto a instalacións, horarios de apertura, seguridade e plan museolóxico, o documento que recolle todos os programas necesarios para o desenvolvemento do centro a nivel organizativo, expositivo e de difusión, podendo, ademais, acceder a convocatorias de axudas específicas para museos, entre outras vantaxes.

O Goberno galego considerou que se trata dun espazo que pon en valor o legado patrimonial dos muíños a través dun conxunto de edificacións restauradas nas que, máis alá da recuperación dunha peza de valor etnolóxico, se narra a historia ligada ao lugar e aos procesos industriais. Neste senso, cómpre destacar que os muíños hidráulicos foron claves na industrialización en Galicia durante a Ilustración e de grande importancia para a subsistencia das comunidades e as economías locais.

As instalacións permiten así facer un percorrido polo seu contexto histórico facilitando a súa compresión a través de maquetas, réplicas, escenografías ou pantallas táctiles, ademais de diversos textos e imaxes.

Un antigo complexo fabril

O Centro de Interpretación dos Muíños de Xuvia créase nun antigo complexo fabril do século XVIII construído polo francés Juan Lestache en 1775 sobre o río Xuvia, concretamente na aldea de San Roque e nunha zona verde de gran riqueza paisaxística, para dar cabida ás antigas fábricas de fariña. O edificio, de grande interese histórico e etnográfico, foi rehabilitado e convertido neste centro cultural polo Concello de Narón.

O proxecto museográfico divídese en varios espazos ao longo do complexo, aproveitando o inmoble dos muíños, o antigo almacén e a que fora habitación e despacho da familia propietaria. Así, conta cunha zona na que se introduce o contexto histórico e diferentes módulos explicativos sobre a figura do empresario creador da fábrica. Inclúe, ademais, unha exposición permanente dirixida a comprender o aproveitamento das forzas da natureza a través de enxeños mecánicos para a obtención de fariñas. A isto súmase o espazo estrela, a sala dos muíños, que conserva as estruturas industriais do momento. O equipamento complétase cunha sala de cultura dedicada ás figuras dos empresarios franceses desembarcados na comarca.

Publicaciones relacionadas

Botón volver arriba

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies