A Xunta abre o prazo para solicitar 36 bolsas de formación en arquivos e museos
A Xunta de Galicia abre o prazo de solicitudes para as 36 bolsas de formación que se levarán a cabo nos arquivos e museos. Así se recolle na convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia, de 18 bolsas en materia de museos e 18 en materia de arquivos, na que se sinala que as persoas interesadas deberán enviar as súas solicitudes a través da sede electrónica.
Así, unha vez completado o proceso, as persoas bolseiras que sexan seleccionadas comezarán a súa experiencia ao longo do segundo semestre do ano e recibirán unha contía mensual de 1.055€. Cómpre lembrar que as persoas interesadas en participar deberán cumprir cos requisitos recollidos na convocatoria entre os que se inclúe a formación académica, o coñecemento da lingua galega ou non ter participado nestas mesmas bolsas con anterioridade.
No tocante aos arquivos, ofrécense 18 prazas nos arquivos do Sistema de Arquivos de Galicia que conten con persoal técnico. A formación, cunha duración máxima de 12 meses, comprenderá unha parte práctica e outra teórica e estará relacionada cos procesos técnicos que se realizan nestes centros e coa xestión dos seus fondos documentais.
Respecto aos espazos museísticos, a convocatoria inclúe 18 prazas cunha duración máxima de 12 meses. Neste caso, as actividades que desenvolverá o persoal bolseiro inclúen aspectos de documentación, difusión e didáctica. Deste xeito, os participantes poderán coñecer os labores de conservación, rexistro, inventario, catalogación, organización de visitas guiadas, busca de información ou manipulación de pezas, entre outras.
Estas bolsas súmanse ás 33 bolsas de formación en bibliotecas, que xa se poden solicitar desde a pasada semana, e que resultan nun total de 69 prazas de bolsas de formación nestes espazos, ás que a Xunta de Galicia destina 955.000 euros. Trátase dunha iniciativa que busca proporcionar unha aprendizaxe teórico-práctica que impulse a formación do futuro persoal técnico dos centros.

