Museos

O Museo das Peregrinacións e de Santiago inaugura unha nova mostra

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, invitou o pasado 10 de xullo a “achegarnos a unha das tradicións relixiosas máis importantes do hinduismo como o Kumbh Mela”. Fíxoo na inauguración da mostra fotográfica Kumbh Mela. O baño da inmortalidade, un proxecto fotográfico do monfortino Manuel Valcárcel que se pode visitar no Museo das Peregrinacións e de Santiago.

No acto o representante do Goberno galego, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, explicou que, a través das 25 fotografías que conforman a mostra, “podemos vivir de forma indirecta esta celebración que combina o espiritual, o social e o cultural” e describiu “unha mostra que nos axuda a romper cos estereotipos marcados, ir máis alá da mirada etnocéntrica que nos circunscribe a Europa”.

Kumbh Mela é o maior encontro relixioso de fieis hindús do mundo. Trátase dun acontecemento que congrega máis de 400 millóns de persoas en 45 días, o maior número de peregrinos de todo o planeta, e que peregrina entre catro cidades cada 12 anos e, do que o fotógrafo Manuel Valcárcel deixou constancia. O obxectivo do ritual é bañarse no Río Ganges, Yamuna e o Sarasvati para lavar os pecados a través da limpeza espiritual.

López Campos destacou a importancia da peregrinación e da tradición xacobea na identidade cultural galega, “razón pola cal son importantes mostras como a que nos reúne hoxe aquí que nos achegan e amosan os vínculos con realidades que se encontran moi distantes xeograficamente, e mesmo, culturalmente a nós”, explicou. Así, o Museo das Peregrinacións e de Santiago xa acolleu en 2021 Destino, outra das grandes mostras de Manuel Valcárcel sobre temática das peregrinacións.

A exposición Kumbh Mela. O baño da inmortalidade, que poderá visitarse ata o 29 de outubro, enmárcase dentro da campaña de verán Para gustos, cultura, unha iniciativa impulsada desde a Xunta de Galicia para encher o verán dunha oferta cultural diversa e de calidade que se desenvolverá en máis de 200 concellos de Galicia con máis de 3.400 actividades.

Publicaciones relacionadas

Botón volver arriba

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies