A noite dos museos no Museo do Castro de Viladonga

O pasado 10 de maio tivo lugar unha noite máxica no Museo do Castro de Viladonga. Contra todo prognóstico meteorolóxico, A Casa da Troula de Rekalde, Branca Villares e as cantareiras e pandereteiras do proxecto Consoante encheron de música e cultura cada recuncho do museo. E, por suposto, non faltaron os xogos populares de Xotramu, cos que grandes e pequenos gozaron dunha noite chea de diversión, tradición, cultura e moito sentimento.
Os participantes xogaron á rá, montaron nos zancos, andaron nunha bicicleta de madeira e sen pedais…, tamén se lle cantaron ao maio e desfrutaron de cancións recollidas en todas as provincias galegas e aínda desfrutaron de música galega da man dun grupo vasco con fondas raíces galegas, especialmente en Viladonga e cun futuro moi prometedor da man de Lúa e Unax. Pechou a noite con petiscos, bebida e moita queimada! Unha noite para a lembranza!