Museos

A Xunta integra o centro de interpretación da Torre de Hércules no sistema galego de centros museísticos

A Xunta de Galicia integrará o Centro de Interpretación da Torre de Hércules no Sistema Galego de Centros Museísticos. Así se acordou este luns no Consello, onde se deu luz verde a incorporación deste espazo situado no Concello da Coruña e xestionado polo propio consistorio.

O Consello autoriza esta decisión tras a avaliación dos informes que verifican o cumprimento dos requisitos esixidos para formar parte da rede galega de centros museísticos e que, na actualidade, suma un total de 92 entidades, das que 69 son museos, 22 coleccións museográficas e un centro de interpretación do patrimonio cultural.

A Torre de Hércules, declarada Patrimonio Mundial pola Unesco en 2009 é o faro máis antigo do mundo. Trátase dun edificio de orixe romana construído entre mediados e finais do século I, cunha intervención no século XVIII que permitiu a permanencia do inmoble. O obxectivo primordial do centro de interpretación é divulgar os contidos e o Valor Universal Excepcional do monumento, razóns polas que foi incluído na Lista do Patrimonio Mundial. Neste senso, a exposición permanente do centro incide na cronoloxía da Torre dende a súa construción ata a actualidade.

O Centro de Interpretación constitúe unha alternativa, para todas as persoas que queiran coñecer o interior do monumento e a súa historia, facendo máis inclusivo o acceso ao coñecemento da Torre de Hércules, a cal é visitada por máis de 100.000 persoas cada ano.

O Centro de Interpretación da Torre de Hércules configúrase como o escenario de actividades de carácter ambiental, cultural, arqueolóxico e de recreación histórica, que contan coa participación de asociacións culturais e ambientais locais. Tamén se realizan presentacións de diversa índole (actividades, produtos turísticos ou libros) e visitas específicas de centros educativos.

Deste xeito, a súa inserción no Sistema Galego de Centros Museísticos permitiralle continuar con esta programación mediante o acceso a liñas de axudas públicas, a participación en accións formativas de interese para as súas iniciativas, o acceso a propostas colaborativas ou a actividades itinerantes promovidas pola Administración Autonómica.

    Publicaciones relacionadas

    Botón volver arriba

    Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

    ACEPTAR
    Aviso de cookies