Museos

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense inaugura a exposición “Arte prerrománica en Ourense” na Casa de Galicia en Madrid

A Casa de Galicia en Madrid inaugurou este xoves 11 de decembro a mostra Arte prerrománica en Ourense, unha proposta expositiva que permitirá ao público achegarse, durante case dous meses, á época prerrománica de Galicia. A iniciativa, organizada pola sede institucional da Xunta de Galicia en colaboración co Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, reúne unha selección de pezas singulares procedentes dos fondos do centro museístico ourensán.

O director da Casa de Galicia, Luis E. Ramos, deu a benvida aos asistentes destacando que a sede institucional do goberno galego na capital do estado “volve ser ponte cultural entre Galicia e a capital grazas á implicación do director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; do director do Museo Arqueolóxico, César Llana; e do comisario da exposición, Avelino Rodríguez”. Ramos subliñou que a mostra “permite descubrir un tempo que vai da caída do Imperio Romano á consolidación do románico, a través de obras que falan da nosa historia e da nosa identidade”.

A exposición ofrece unha panorámica do desenvolvemento artístico que se produciu no noroeste peninsular desde o final do mundo romano ata o século XI. Este período, caracterizado pola convivencia de tradicións herdadas e novas achegas culturais, abrangue manifestacións como a arte visigoda, asturiana ou mozárabe. Galicia incorpora ademais unha etapa propia, a sueva, que deixa unha profunda pegada na configuración do territorio, na formación da lingua e na evolución política do país durante a Alta Idade Media.

As pezas seleccionadas permiten comprender a variedade de influencias que converxeron na Galicia medieval: elementos arquitectónicos e decorativos que reutilizan materiais romanos, aportacións procedentes do ámbito bizantino, visigodo ou islámico, e creacións propias vinculadas a espazos tan simbólicos como os que hoxe integran a Ribeira Sacra. Este conxunto axuda a interpretar unha época menos escura do que tradicionalmente se pensou e que continúa xerando novos debates no campo da arqueoloxía e da historia da arte.

Ramos lembrou ademais que unha das misións fundamentais da Casa de Galicia é “a promoción da cultura e da lingua”, e que con esta mostra “poñemos en valor o patrimonio da provincia de Ourense e ofrecemos un motivo máis para descubrir a Galicia interior, gozar da súa paisaxe, da súa gastronomía e do seu inmenso legado histórico”. O responsable da Casa de Galicia en Madrid lembrou que a exposición Arte prerrománica en Ourense poderase visitar nas salas Álvaro Cunqueiro e Emilia Pardo Bazán do 9 de decembro ao 25 de xaneiro.

Publicaciones relacionadas

Botón volver arriba

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies