Museos

López Campos convida a achegarse a Maruja Mallo desde a tradición alfombrista

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, convidou a todos os galegos a achegarse ao legado de Maruja Mallo, unha figura referente da vangarda en Galicia, a través da tradición e a artesanía galega. Fíxoo no Museo Massó de Bueu, onde xa se pode visitar a alfombra dedicada á artista viveirense que foi elaborada pola Asociación Cultural Cunchas e Flores de Bueu con motivo da inauguración da mostra Maruja Mallo. Máscara y compás no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid, o pasado 7 de outubro.

O representante de Cultura do Goberno galego destacou “a oportunidade para difundir  a tradición alfombrista e o traballo dos nosos artesáns rendendo homenaxe ao legado dunha creadora transgresora ligada a esta sociedade mariñeira”. Neste senso, López Campos lembrou que a pintora viveirense realizou un caderno de apuntes en Bueu nos primeiros días de xullo de 1936, interrompido con motivo do Golpe de Estado que a obrigou a fuxir do país. O caderno recolle toda unha serie de detalles de xente e da actividade pesqueira, das praias e vivendas mariñeiras executados en Beluso e Bueu, algúns dos cales foron integrados en obras que forman parte da serie pictórica La Religión del Trabajo (1936-1939).

Tal e como explicou o conselleiro, a peza, que conta cunha superficie aproximada de 12×2 metros e reproduce fragmentos de obras da autora, está elaborada a partir de materiais como cunhas de mexillón, ameixa ou lapas, así como sementes ou follas.  “Desde as institucións debemos tender a man a estas iniciativas que fan fincapé na herdanza dunha figura senlleira da nosa comunidade”, explicou o conselleiro, que aproveitou para felicitar o traballo dos artesáns da Asociación Cultural Cunchas e Flores.

Cómpre lembrar que a creación da asociación de Bueu estivo instalada na zona de acceso ao Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía durante o acto de apertura desta exposición que supón a maior retrospectiva realizada ata a data arredor da figura desta creadora. A exposición, que reúne 90 obras entre as que se atopan pinturas, debuxos, escritos, documentos e vídeos, pode visitarse en Madrid ata o 16 de marzo de 2026 dándolle continuidade ao proxecto expositivo que se puido visitar ata o 14 de setembro no Centro Botín de Santander.

Publicaciones relacionadas

Botón volver arriba

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies