Museos

A Xunta colabora con máis de 500.000 euros co Museo da Construción Naval de Ferrol para o desenvolvemento de actividades ao longo dos últimos seis anos

O Goberno galego leva colaborado con máis de 500.000 euros co Museo da Construción Naval de Ferrol ao longo destes últimos seis anos para contribuír a garantir o seu funcionamento, á vez que colabora coa realización de actividades expositivas e de difusión, así como de restauración do seus fondos.

Así se dá conta no informe avaliado o martes 23 de setembro polo Consello da Xunta no que se analiza esta colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, iniciada en 2019 e que se mantén na actualidade, pola “singularidade” do museo e do arquivo, que están baixo a titularidade e xestión da Fundación para o Fomento do Coñecemento da Construción Naval e das Actividades Marítimas.

De igual xeito, no documento enxálzase o “claro interese xeral para Galicia” deste proxecto ao considerar acreditado que “dinamiza a comarca e o sector” a través do fomento e a divulgación da actividade museística, “contribuíndo a un mellor coñecemento da industria da construción naval, facendo fincapé no papel que desempeñou Ferrol neste eido”.

O museo máis completo de Europa na súa temática

Na mesma liña, a análise defende o investimento do Executivo autonómico no museo por tratarse do “principal que existe en España especializado na historia da construción naval no mundo”, á vez que salienta que os expertos o catalogan como “o máis completo de Europa na súa temática”.

Con respecto ao arquivo do Museo, o informe destaca a “colección única” que acolle e que reúne fondos museográficos e documentais do patrimonio marítimo e industrial de “gran valor”. Entre eles, fai fincapé no pecio da Fragata Magdalena, afundida na ría de Viveiro en 1810, e recuperada pola Armada Española nos anos 70 e 80 do pasado século.

Ademais de pola exposición, o informe salienta o “enorme interese do amplísimo legado documental” en forma de monografías, planos e outros documentos ao servizo dos investigadores.

Fondos documentais de gran valor no arquivo

A maiores, o informe pon en valor tamén os fondos do arquivo, sinalando que posúe unha importante colección de cartas náuticas desde finais do século XIX ata mediados do século XX; unha colección de fotografías do estaleiro de San Felipe, e máis de 70.000 imaxes e formato analóxico e dixital.

A este material engádeselle o fondo sobre Astano, no que se documenta polo miúdo as diferentes tipoloxías de buques construídos nese estaleiro e tamén se subliña que custodia a documentación do caso xudicial do Prestige, contando con planos do propio buque.

Publicaciones relacionadas

Botón volver arriba

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies