Museos

Presentación das actividades nos museos para o ano 2025

Os museos da Xunta programan este ano un total de 60 exposicións que se complementan con máis de 160 actividades “para todos os públicos e intereses”. Así o anunciou o pasado venres o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que, xunto co director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, deu conta dun calendario de propostas que abrangue 11 centros museísticos xestionados directamente polo Goberno galego e estendidos polas catro provincias.

Neste senso, o representante do Executivo autonómico resaltou que estes equipamentos “continúan a consolidarse como grandes xeradores de cultura na Comunidade cunha programación diversa e de calidade”, ademais de lembrar que esta axenda segue a liña da Lei de cultura inclusiva e accesible, que ten por obxectivo eliminar todo tipo de barreiras, xa sexan físicas, territoriais ou de calquera outra índole, achegando a cultura a toda a poboación.

Ademais, López Campos incidiu na “aposta por seguir medrando e ofrecendo os mellores contidos” tras superar, explicou, o medio millón de visitantes nos museos da Xunta en 2024, cun incremento do 23 % con respecto ao ano anterior. Para iso, puntualizou, “tamén lle estamos a dar maior presenza ás itinerancias, que nos permiten levar proxectos xestados nun determinado espazo a outros lugares de Galicia, aproveitando así mellor os nosos recursos”.

Durante o acto, debullou algunhas das propostas máis salientables da programación que este ano abrangue “exposicións centradas en figuras galegas de relevancia en distintos eidos creativos, como Castelao, así como en proxectos de carácter internacional”. Todo isto, sen deixar de poñer en valor os propios fondos salvagardados en cada unha das institucións, facendo fincapé, dixo, “no compromiso do Goberno galego coa divulgación da nosa cultura e preservación da nosa identidade”. Ademais, subliñou a grande aposta que se fai pola innovación e o uso das máis modernas tecnoloxías “para achegar á cidadanía experiencias únicas”.

O programa expositivo vai acompañado dun amplo plan de actividades xa consolidado en cada un dos centros museísticos, exercendo tamén así como importantes puntos de dinamización cunha coidada oferta de lecer cultural.

A programación presentada comprende a Cidade da Cultura, o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Museo das Peregrinacións e de Santiago, en Santiago de Compostela; o Museo de Belas Artes, na Coruña; a Fundación Pública Camilo José Cela, no concello coruñés de Padrón; o Museo do Mar de Galicia, en Vigo; o Museo Massó, en Bueu; o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, na cidade das burgas; o Museo Etnolóxico e o Museo do Viño, no municipio ourensán de Ribadavia, e o Museo do Castro de Viladonga, na localidade lucense de Castro de Rei.

Provincia da Coruña

En Santiago de Compostela a Cidade da Cultura ofrece un extenso programa que aglutina desde as exposicións no Museo Centro Gaiás ata as mostras na Biblioteca e no Arquivo de Galicia. Así, destacan as propostas que se basean nas tecnoloxías como a experiencia inmersiva «Orixes», que ofrece unha viaxe virtual a través da vida, ou o achegamento no Ano Castelao á figura dun dos pais do galeguismo mediante unha recreación interactiva. A isto engádense outras retrospectivas, como as dedicadas ao pintor Rafael Úbeda ou ao escultor Asorey. Ademais, conta con outras accións como o apoio a artistas a través do seu programa de residencias ou as diversas propostas divulgativas artelladas ao redor das distintas mostras tanto para público infantil como adulto.

No Centro Galego de Arte Contemporánea, tamén en Santiago, suman aos proxectos que perduran do ano pasado outras seis exposicións protagonizadas por Priscilla Monge, Enrique Palazuelo, Lluís Hortalá, Alexandra Runner, Mar Caldas, Concha Jerez e José Iges. Neste senso, salientan tamén as distintas iniciativas vencelladas ás mostras para afondar nelas, completando así o programa.

Pola súa banda, no Museo das Peregrinacións e de Santiago presentan como novidade a mediados de ano «Kumbh Mela Prayagraj», unha recompilación de fotografías de Manuel Valcárcel localizadas neste festival da India. No centro tamén se desenvolven actividades familiares para coñecer o museo e accións puntuais con motivo de días sinalados.

No Museo de Belas Artes, da cidade da Coruña, o principal proxecto deste 2025, e previsto para xuño, é «A barca de Caronte: a travesía vital de Isaac Díaz Pardo», que fai un percorrido creativo pola súa obra desde a etapa pictórica á de deseñador industrial. Complétase coa ampliación do período expositivo de «Arquitecturas que falan do seu tempo» e «Convidadas, dúas miradas de Zuloaga», ademais dunha renovada experiencia virtual con «Torre de la Parada». O espazo ofrece, por outra banda, programas educativos e distintos cursos que teñen que ver coa arte, o gravado ou o debuxo manga, así como ciclos musicais e actividades de lectura.

A programación da provincia complétase en Padrón da man da Fundación Camilo José Cela, que inaugura en xuño no Colexio de Fonseca de Santiago a mostra «Me declaro feminista», mentres que a súa sede acollerá en xullo «Habitar o baleiro», e en setembro «Doutorandos Honoris Causa».

Provincia de Lugo

En Lugo destaca a intensa actividade do Museo do Castro de Viladonga, localizado no concello de Castro de Rei. Así, na vertente expositiva ofrece a oportunidade de coñecer materiais arqueolóxicos relacionados coa metalurxia do ferro con «A produción do ferro na antigüidade. Unha achega desde Viladonga», e celebra os 25 anos da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade con outra mostra.

Para destacar todo o seu potencial, programa unha serie de obradoiros tanto para escolares como para adultos/as ou para gozar en familia e con moi diferentes eixes. Así mesmo, tamén celebra varias efemérides como as Letras Galegas ou o Día Internacional dos Museos.

Provincia de Ourense

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense continúa coa súa acción divulgativa Peza do Mes, coa que lle dá difusión aos seus fondos. Ademais, para o segundo semestre do ano ten prevista a posta en marcha dunha exposición fotográfica con instantáneas representativas do traballo de documentación desenvolvido na propia entidade. Así mesmo, entre a súa actividade destacan os distintos ciclos de charlas e mesmo sesións de cine.

A provincia ourensá conta tamén en Ribadavia con dous espazos culturais: o Museo Etnolóxico con tres exposicións para este 2025, e o Museo do Viño cunha exposición temporal ao redor dunha Denominación de Orixe ou Identificación Xeográfica Protexida, que completa con distintas conferencias ao redor da historia do viño e con catas que combinan a degustación dos caldos con música.

Ademais, ambos os dous centros ofrecen ciclos de cine centrados nas súas temáticas e actuacións musicais, ao que se engaden outras propostas para celebrar datas destacadas como as Letras Galegas.

Provincia de Pontevedra

En Vigo, o Museo do Mar de Galicia conta este ano como exposición principal con «Quino na música», unha recompilación de viñetas orixinais do humorista vencelladas á música. Complétase con outras propostas como son «Bambú», en colaboración co Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira, e «Memoria e azougue. A liñaxe dos Llanos», con fotografías que reflicten varios aspectos da cidade de Vigo. Ademais, o espazo recibe dúas mostras itinerantes xestadas na Cidade da Cultura: «Nicolás Muller en Galicia», con 50 instantáneas dun dos documentalistas máis relevantes do século XX, e «Viquingos».

Destaca, ademais, a ampla oferta de actividades para escolares durante o curso académico, que se centran en explorar a diversidade mariña desde distintas perspectivas, e as accións desenvolvidas ao redor do Centro Arqueolóxico do Areal Salinae.

Por outro lado, en Bueu, o Museo Massó presentará ao longo destes meses novos espazos que enriquecerán a súa oferta cultural, tras os traballos de restauración. Así, engadirá a Sala Urbano Lugrís e tamén incorporará a salgadura Piñeiro, integrada na exposición permanente como unha salgadura musealizada. Para completar a súa oferta cómpre salientar as súas singraduras pola ría para tomar contacto coas técnicas de navegación ou as visitas á antiga fábrica de salgadura da praia Mourisca.
 

Publicaciones relacionadas

Botón volver arriba

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies