O Museo de Belas Artes da Coruña presenta o catálogo da exposición que reflicte a pegada da arquitectura na identidade cultural e social de Galicia
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe o catálogo da mostra Arquitecturas que falan do seu tempo que o Museo de Belas Artes da Coruña abriu ao público o pasado 6 de novembro para conmemorar o 175 aniversario da Real Academia Galega de Belas Artes, motivo polo que a exposición fai un percorrido polas obras dos 23 arquitectos académicos de honra desta institución, co obxecto de reflectir a súa pegada na identidade cultural e social de Galicia.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou «a calidade e o coidado nos detalles» desta publicación, da que enxalzou que «reflicta con tanta fidelidade os proxectos e relevantes achegas» dos arquitectos que conforman a mostra, «á que vez que testemuña a súa influenza nos case dous últimos séculos da paisaxe arquitectónica galega».
Precisamente, apuntou que a relevancia social e cultural que estas obras teñen en Galicia tamén se constata «no alto interese» acadado pola mostra, polo que se ten decidido, segundo anunciou, «ampliar a súa apertura ao público un mes máis, ata o 23 de marzo». Por este motivo, celebrou «o éxito» conseguido pola exposición e valorou que espertase «tantas ganas de coñecer máis polo miúdo a intrahistoria dos prestixiosos proxectos de arquitectos de renome, como Faustino Domínguez, Rafael Baltar, Xosé Manuel Casabella ou Manuel Gallego Jorreto, autor do actual edificio do Museo de Belas Artes».
Case dous séculos da arquitectura de Galicia
Ao respecto, o director xeral de Cultura destacou que, grazas ao percorrido polas obras destes profesionais que ofrece tanto o catálogo como a exposición, «calquera persoa que se achegue á publicación ou á mostra vai poder descubrir as diferentes correntes artísticas e etapas evolutivas da arquitectura na Comunidade».
Arquitecturas que falan do seu tempo está comisariada por Xosé Manuel Casabella e Alfredo Sellier, que inclúen —para contextualizar as diferentes épocas do percorrido por estes 175 anos de arquitectura de Galicia— unha selección de obra pictórica e fotográfica realizada por varios artistas galegos que, a través das súas creacións e imaxes, representan diferentes espazos urbanos da nosa Comunidade como Xavier Correa Corredoira, Francisco Llorens ou Antonio Tenreiro.
Tanto a exposición como o catálogo teñen un espazo destacado para o arquitecto Faustino Domínguez, ao tratarse do membro fundador da Academia Galega de Belas Artes e unha figura representativa da evolución que experimentou a arquitectura galega ao longo destes últimos 175 anos.