Presentación do libro ‘CARTAS’ no Museo de Belas Artes da Coruña
O pasado martes, 17 de decembro o Museo de Belas Artes da Coruña acolleu a presentación do libro Cartas (1956-1979), unha recompilación da correspondencia entre Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, da editorial Renacimiento.
No acto de presentación participaron Valentín García, Secretario Xeral da Lingua; Xosé Díaz, deseñador gráfico e numerario da Real Academia Galega de Belas Artes; Xosé L. Axeitos, encargado da edición; e a directora do Museo de Belas Artes da Coruña, Ángeles Penas Truque.
O libro
Esta correspondencia é unha conversación entre dous perdedores da guerra, dous vencidos que loitan por dar sentido ás súas vidas. Atópanse en Bos Aires, cidade á que chegara no ano 1936 como exiliado Luís Seoane, que sempre loitará por un regreso imposible a Galicia. Isaac Díaz Pardo chegará á capital arxentina vinte anos máis tarde fuxindo da Galicia do silencio e do esquecemento do franquismo.
Iniciarase así un encontro que se propoñerá como obxectivo común recuperar a dignidade dun pobo tamén derrotado. Para iso emprenden a máis utópica das empresas: poñer ao dispor das súas ideas restauradoras e recuperadoras un complexo industrial de cerámica, O Castro e Sargadelos, símbolo dunha nova Galicia. Isaac abandona unha prometedora carreira artística para mergullarse no barro da loita industrial e capitalista; pola súa banda, Seoane poñerá ao servizo do complexo empresarial do seu amigo, que vai crecendo con moitas dificultades, o seu talento creador e as súas ideas rexeneradoras. Dous papeis desiguais que se anoan mediante unha amizade fraternal que pasará con éxito numerosos debates e discusións que van cimentando unha ética social de valor universal.