O Museo Etnolóxico de Ribadavia inaugura a exposición Memoria e azougue. A liñaxe dos Llanos (1897-1970)
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, enxalzou o pasado xoves 1 «a importante achega á memoria colectiva de Galicia» que supón o Arquivo Llanos, composto polo fondo de imaxes desta coñecida liñaxe de fotógrafos que se conservan no Museo Etnolóxico de Ribadavia. Fíxoo na inauguración neste centro museístico dunha exposición na que se exhibe unha escolma do seu traballo, entre 1897 ata 1970, e que pode verse nestas instalacións ata finais de abril.
Baixo o título Memoria e Azougue. A liñaxe dos Llanos, a mostra está composta por preto de medio cento de fotografías que van desde a arquitectura ao retrato e que reflicten tanto feitos históricos como vencellados co traballo destas épocas, e tamén de lecer e festivos centrados na cidade Vigo. Por este motivo, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor que «non só permiten reconstruír unha etapa biográfica dunha das principais urbes de Galicia, senón tamén da Comunidade».
Precisamente, Anxo M. Lorenzo subliñou «a relevancia e a calidade» dos fondos propios, como este do Museo Etnolóxico de Ribadavia, cos que contan os centros museísticos xestionados pola Xunta. Neste senso, avogou por potenciar este tipo de mostras que «promovan a súa visibilidade e coñecemento» a través da exposición pública para a «súa posta en valor» entre a cidadanía.
Liñaxe de fotógrafos
A exposición inaugurada hoxe dá a oportunidade de coñecer a pegada persoal que caracterizaba a esta coñecida saga familiar de fotógrafos composta por Francisco Llanos Mas, o seu fillo, Francisco Miguel Llanos Trápaga e o seu neto, Ángel Llanos González. Tres xeracións moi vencelladas coa vida da cidade de Vigo, pero que, a través das súas reportaxes e imaxes, teñen permitido dar testemuño de acontecementos relevantes da historia de Galicia.