Museos

O Museo do Castro de Viladonga celebra a Semana Cultural do Nadal con escolares de 11 colexios da provincia

A Xunta de Galicia está a celebrar o Nadal Cultural do Museo do Castro de Viladonga, que na presente edición conta coa participación de 11 colexios da provincia. Desde o martes e ata o próximo luns sucédense os espectáculos e as visitas guiadas, como unha forma lúdica de aproximar aos escolares á historia e á cultura castrexa.

A programación infantil pecharase o luns coa actuación do mago Rafa. Tamén formaron parte do programa Os Jalochos, con A landra viaxeira e o amigo Lambón; Marta Ortiz, con Coser e cantar; Tropa de Trapo, con Contos de nenas grandes e pequenas, e Brais das Hortas, con Zona en obras.

Ademais de desfrutar das actuacións, os escolares realizan visitas guiadas ao castro e ao museo, incluíndo a exposición temporal O acibeche no mundo antigo. Unha aproximación dende o castro de Viladonga.

Amosando a investigación

Esta mostra é froito dun traballo de investigación levado a cabo desde o Museo do Castro de Viladonga e presenta, en primicia, as primeiras análises sobre a composición química do acibeche recuperado no castro, que permitiron confirmar a súa orixe na costa asturiana.

Consta de seis paneis verticais exentos con información en ambos lados e algunhas das pezas máis significativas da colección do Castro de Viladonga. A exposición foi pensada e creada para ter carácter itinerante, móbil ou portátil, outorgando a oportunidade de que poida chegar a un público variado.

Danse así a coñecer os elaborados aneis do castro de Viladonga, e outro tipo de producións desa época, destacando especialmente as imaxes de pezas como os medallóns tallados co acibeche de Whitby. Outro punto de interese é a presentación dos resultados obtidos coas imaxes e análises do microscopio electrónico de barrido.

Para elaborar esta exposición, técnicos de Viladonga colaboraron con outros investigadores, expertos e asociacións relacionadas co mundo do acibeche, entre os que destacan a asociación Azabache jurásico de Villaviciosa en Asturias, e os consorcios de museos de York e Colchester-Ipswich, en Inglaterra.

Publicaciones relacionadas

Botón volver arriba

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies