Museos

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude visita o Museo Massó de Bueu. Aproveitou a visita para coñecer as obras de rehabilitación que están en marcha con máis de 1 M€ ata o último trimestre do ano

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou hoxe o Museo Massó para gozar dunha viaxe virtual polos fondos desta institución no marco da celebración do Día dos Museos. Neste senso, o responsable autonómico de Cultura coñeceu de primeira man a iniciativa Galiverso que forma parte das máis do medio cento de actividades que organiza a Xunta de Galicia con motivo desta efeméride.

No que foi a súa primeira visita a este museo, o conselleiro puxo en valor a celebración desta data para darlle visibilidade ao importante labor de protección, conservación e dinamización do patrimonio cultural que realizan estas institucións, que son a súa vez conexión e ponte entre a creación plástica e a cidadanía.

O Museo Massó uniuse a esta celebración facilitando durante todos estes días a participación do público da experiencia Galiverso, que lle permite ás persoas participantes achegarse ás pezas dos museos xestionados pola Xunta a través da realidade virtual. Neste senso, López Campos enxalzou o valor das novas tecnoloxías e da dixitalización como ferramentas útiles na difusión dos bens culturais.

Obras de rehabilitación do Museo Massó e Sala Lugrís

O responsable de Cultura, Lingua e Xuventude tamén aproveitou esta visita para coñecer os avances das obras de rehabilitación do Museo Massó, en marcha ata o último trimestre do ano cunha achega de máis de 1 millón de euros. Trátase dunha actuación que, segundo destacou o responsable autonómico de Cultura, permitirá situar a este museo como “unha referencia de primeiro nivel na conservación e divulgación do patrimonio mariñeiro”.

O conselleiro fixo especial fincapé no feito de que estas obras suporán recuperar o espazo orixinal da antiga tribuna e acondicionalo para que sirva de sala permanente dedicada a Urbano Lugrís. Isto permitirá mostrarlle ao público nun mesmo espazo fondos como a serie de seis pinturas de gran formato realizada nos anos 40 para o comedor das traballadoras da conserveira e que ocupa cerca de 300 metros lineais.

Publicaciones relacionadas

Botón volver arriba

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies