O Concello reabre as sendas e percorridos peonís do paseo das Pontes, onde se renovou o firme en máis de 6.600 metros cadrados de superficie
Cando:
1 de decembro de 2024
Nos vindeiros días, os equipos de traballo atenderán os últimos detalles técnicos da intervención, coa posta a cota das tapas de rexistro e sumidoiros
O Concello rematou os traballos de mellora previstos nos percorridos peonís do paseo das Pontes, onde no último mes se levou a cabo unha renovación integral do aglomerado sobre unha superficie de máis de 6.600 metros cadrados. Concretamente, nas sendas do parque do barrio, que interconectan a rolda de Nelle, a avenida de Fisterra e o paseo de Rolda.
Esta actuación, que supuxo un investimento de 200.000 euros, dá continuidade ao plan de intervencións que está a executar o Goberno de Inés Rey en todos os barrios da cidade para mellorar os espazos peonís. No caso do paseo das Pontes, o Concello actuou sobre o firme das sendas, atendendo á súa erosión progresiva, derivada da exposición ás inclemencias meteorolóxicas e ao paso do tempo, entre outros factores.
«As intervencións de renovación ou reparación en percorridos ou calzadas de aglomerado forma parte do día a día en materia de infraestruturas e mobilidade. Como pasa con outros moitos materiais, co paso dos anos vai experimentando unha deterioración e, cada certo tempo, é importante actuar para adecentar e mellorar as zonas de paso», indicou a concelleira Noemí Díaz.
Díaz explicou que o groso das obras xa concluíu, polo que os percorridos peonís nos que se actuou xa son transitables a todos os efectos. Iso si, nos vindeiros días, os equipos de traballo voltarán ao paseo das Pontes para poñer a cota as tapas de rexistro e de sumidoiros, unha tarefa habitual neste tipo de casos. «Son detalles técnicos que non supoñen obstáculo algún para abrirlle novamente as sendas á cidadanía», apuntou.
O Goberno de Inés Rey, recordou a concelleira, vén de dobrar os fondos destinados a mantemento de firmes en toda a cidade, pasando de 2 a 4 millóns de euros, o que permitirá aumentar as intervencións que o Concello leva a cabo en toda a cidade, incrementando en máis de 70.000 metros cadrados a superficie sobre a que se actuará cada ano.