O Concello oferta case 700 prazas nos cursos municipais de iniciación ao golf que se impartirán nos campos da Torre durante o vindeiro ano
Cando:
2 de decembro de 2024
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro domingo 8 de decembro
O Concello da Coruña abriu este luns o prazo de presentación de solicitudes para o primeiro trimestre dos cursos de iniciación ao golf que terán lugar no Campo Municipal da Torre durante o vindeiro ano. A oferta total de cara ao 2025 é de 664 prazas, distribuídas en catro quendas diferenciadas (de xaneiro a marzo; de abril a xuño; xullo e agosto; e de outubro a decembro).
Para a quenda inicial prevista nos tres primeiros meses do ano disporanse 136 prazas, con cursos orientados ao público infantil (6-11 anos), xuvenil (12 a 16 anos) e adulto (de 17 anos en diante). En canto ao primeiro trimestre de ano, as datas de inicio e finalización dos cursos serán as seguintes:
- Luns e xoves: inicio o 2 de xaneiro e finalización o 17 de marzo de 2025.
- Martes e venres: inicio o 3 de xaneiro e finalización o 18 de marzo de 2025.
- Sábados e domingos: inicio o 11 de xaneiro e finalización o 22 de marzo de 2025.
Todas as persoas interesadas en presentar a documentación necesaria para optar ás 136 prazas que se ofertan no primeiro trimestre de 2024 xa poden formalizar a súa solicitude. O prazo estará aberto ata o vindeiro domingo 8 de decembro, ás 23.59 horas. Cómpre lembrar, a este respecto, que terán preferencia as persoas empadroadas no Concello da Coruña e que non participasen xa en convocatorias previas dos cursos municipais de iniciación ao golf.
A dita preinscrición deberá realizarse en liña, a través do formulario xa habilitado na páxina web da Concellaría de Deportes. Toda a información sobre os cursos municipais de iniciación ao golf pode consultarse na web do Concello.
A distribución de prazas prevista de cara ao 2024
Xa está definido o cadro de distribución de prazas de cara ás cinco quendas dos cursos municipais de iniciación ao golf en 2024. É o seguinte:
- Xaneiro-febreiro-marzo: 136 prazas.
- Abril-maio-xuño: 136 prazas.
- Xullo: 128 prazas.
- Agosto: 128 prazas.
- Outubro-novembro-decembro: 136 prazas.