O Concello acenderá as luces de Nadal o vindeiro xoves 5 de decembro na Praza de María Pita
Cando:
15 de novembro de 2024
O mago Cayetano Lledó chega ao Teatro Rosalía o venres 6 ás 12.00 horas, cunha actuación de balde dirixido aos máis pequenos e pequenas
Peter Punk e Los Alcántara amenizarán a xornada que comezará ás 17.00 horas con animación infantil previa ao acendido, ás 19.30 horas
O Concello prepárase para as festividades de Nadal, ultimando a colocación das luminarias e decoración nas rúas. A alcaldesa, Inés Rey, anunciou esta mañá que o acendido das luces terá lugar o vindeiro xoves 5 de decembro na Praza de María Pita, cun acto especial aberto á cidadanía. Este ano, o Goberno de Inés Rey incrementou o investimento para a iluminación de Nadal co obxectivo de ampliar as rúas e chegar a todos os barrios da cidade. O contrato deste ano, adxudicado a Iluminaciones Ximénez, é de 2,4 millóns ata inicios de 2027, incluíndo o que resta deste ano.
A xornada comezará ás 17.00 horas con animación infantil previa ao acendido. Esta será a cargo de ‘Peter Punk’, maestro de cerimonias e encargado de dirixir o concurso de debuxos infantil. Os gañadores e gañadoras escollidos subirán coa alcaldesa ás 19.30 horas para o acendido das luces de Nadal, que rematará coa actuación de ‘Los Alcántara’, banda galega formada no ano 2016 coñecida polas súas versións de artistas como Raphael, Rocío Jurado ou Nino Bravo.
Actuación de balde con Cayetano Lledó
A programación de Nadal comezará co acendido de luces, antesala das actividades previstas polo Concello da Coruña para as festividades de Nadal. A primeira será a actuación do mago Cayetano Lledó, productor de teatro e ilusionista profesional con grande recoñecemento a nivel nacional e internacional.
Chegará ao Teatro Rosalía o venres 6 de decembro para ofrecer ás familias coruñesas un espectáculo especial. Será a partir das 12.00 horas, con acceso de balde ate completar capacidade.