Noticias de Galicia

O Aquarium Finisterrae incorpora varios exemplares de lura no seu tanque cilíndrico

Cando:

1 de decembro de 2024

A sala Maremagnum do Aquarium Finisterrae, nunha imaxe de arquivo

Foron capturadas polo equipo do acuario coruñés na ría da Coruña, nas saídas periódicas que realiza para incorporar novas especies aos tanques do museo

O tanque cilíndrico da Sala Maremagnum aloxa desde hai uns días unha vintena de luras, da variedade Loligo vulgaris, que foron capturadas polo equipo de bioloxía mariña do Aquarium Finisterrae na entrada da ría coruñesa, na zona entre a Guisanda e o porto de Oza. Esta captura foi posible grazas ás boas condicións do mar durante as saídas e á existencia de cardumes de sardiñas, unha das especies das que se alimentan as luras, o que incrementou a súa presenza nestas zonas.

Unha vez capturadas e trasladadas ao Aquarium, mantivéronse nun tanque na área de corentena, onde se adaptaron con rapidez, para despois levalas ao tanque cilíndrico onde o público pode observalas. «Estamos moi satisfeitos do traballo feito desde o museo que máis visitantes recibe e que non para de mellorar en contido e instalacións, como acreditan os traballos feitos no sanatorio de focas», sinalou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

A lura Loligo vulgaris é un molusco cefalópodo que se distribúe no Atlántico oriental, desde o Mar do Norte e as Illas Británicas ata o suroeste de África e o Mediterráneo, a unha profundidade de ata 500 metros. Aliméntanse de peixes e crustáceos, os exemplares adultos teñen un talle entre 12 e 48 centímetros no caso dos machos e de 16 a 40 centímetros as femias, e viven unha media de un ano.

Unha das súas características máis salientables é a súa capacidade de cambiar de cor, que realizan grazas á existencia duns órganos especializados no seu manto, os cromatóforos. Estes cambios de cor permítenlles camuflarse diante das súas presas e os seus depredadores, e sérvenlles tamén como medio de comunicación entre elas. Outra das súas curiosidades é que posúen tres corazóns, un para bombear sangue a todo o corpo e dous cara ás branquias.

Publicaciones relacionadas

Botón volver arriba

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies