Inés Rey reclama un maior recoñecemento ás mulleres no eido gastronómico na presentación de ‘Cociñeiras con talento’
Cando:
3 de decembro de 2024
A alcaldesa participou no acto de presentación do libro de Xavier Castro
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta tarde o acto de presentación do libro ‘Cociñeiras con talento’ de Xavier Castro. O acto celebrouse na Casa Museo Casares Quiroga e estiveron presentes, ademais da rexedora e o propio autor, o gastrónomo, colaborador radiofónico e escritor, Antonio Doce, e a cociñeira e chef do restaurante Greca Bar, Alma García. Tamén asistiu o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
‘Cociñeiras con talento’ afonda na historia gastronómica galega, no papel primordial que tiveron e teñen as mulleres e no escaso recoñecemento que teñen no sector. Inés Rey lamentou que «pese a que as mulleres representan o 55% do sector da restauración só reciben recoñecementos como a estrela Michelin un 7% de restaurantes con chef feminina». A alcaldesa destacou a importancia deste traballo para poñer en valor o papel feminino na creación dunha gastronomía como a galega, que goza dun gran prestixio a nivel mundial.
Rey tamén destacou o importante papel de cociñeiras como Lucía Freitas ou Alma García, que «impoñen e visibilizan o seu talento nun sector tan masculinizado». Tamén destacou os pasos dados pola igualdade en congresos como o Galicia Fórum Gastronómico, que promove o Concello e no que tanto as ponencias como os talleres contan cunha alta presenza feminina.