Noticias de Galicia

Inés Rey: “A loita das asociacións e as familias foi clave para facer que a accesibilidade universal sexa unha prioridade esencial nas nosas políticas públicas”

Cando:

3 de decembro de 2024

A alcaldesa, na súa intervención polos actos do Día Mundial da Discapacidade no Parrote

A alcaldesa e a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, tomaron parte nos actos polo Día Mundial da Discapacidade, organizados no Parrote coa iniciativa ‘Baixo o mesmo paraugas’

A alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, participaron esta mañá nos actos programados polo Día Mundial da Discapacidade no paseo do Parrote, que centralizou un ano máis o evento solidario ‘Baixo o mesmo paraugas‘.

Foi a novena edición desta iniciativa ideada co obxectivo de visibilizar e reivindicar os dereitos das persoas con discapacidade. Na súa primeira convocatoria, no ano 2016, a conmemoración colectiva contou coa participación de ASPACE Coruña e outras 24 entidades. Hoxe, foron máis dun cento as asociacións que se uniron no Parrote e ergueron os seus paraugas como símbolo de apoio, solidariedade e compromiso cunha sociedade máis inclusiva e igualitaria. Entre as entidades presentes estiveron Aspronaga, ENKI, Aspanaes, Artefíos, ACEM e Down Coruña, entre moitas outras.

Inés Rey, que puxo en valor a figura de Ricardo Iglesias, xerente de ASPACE, como un dos impulsores desta iniciativa, destacou a relevancia do tecido asociativo «nunha causa que debe implicarnos a todas e a todos, para que haxa unha inclusión real e non palabras baleiras». Neste sentido, a rexedora subliñou o compromiso do Goberno municipal para acadar este propósito, «xa que a inclusión é un principio transversal en todas as políticas do Concello, pensando sempre nunha cidade para todas e todos».

Na súa intervención, a alcaldesa incidiu en que «se A Coruña está a vivir unha transformación de 180 graos nos seus espazos públicos é, principalmente, porque a loita das asociacións e as familias foi fundamental para colocar as persoas no centro das políticas públicas, facendo que a accesibilidade universal sexa unha prioridade esencial». Rey apuntou, ademais, a importancia de seguir traballando «por unha sociedade na que todas e todos teñan as mesmas oportunidades, sen barreiras que limiten a capacidade de participar plenamente na vida comunitaria», e lembrou que o Concello destinou, no que vai de ano, 600.000 euros a proxectos das entidades sociais para mellorar a vida de persoas con discapacidade, enmarcados nun orzamento de 3 millóns de euros que a área de Benestar Social dedica a reforzar o tecido social coruñés.

A programación da xornada, dirixida polos presentadores Fran Rei e Corina Alfonso, incluíu a lectura dun manifesto e a xa clásica interpretación da canción ‘Unha marea de xente’, que simbolizou a unión do público coa paraugada. Xa ao final da mañá, Poten100mos e Silvia Penide puxeron o peche cunha actuación musical.

Publicaciones relacionadas

Botón volver arriba

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies