Aberta a inscrición para a carreira C21 do 2025, gran referente dos medios maratóns
Cando:
2 de decembro de 2024
A XVII edición desta proba terá lugar o 9 de febreiro e volverá a contar cunha carreira 5K paralela
O medio maratón C21 xa ten data oficial no calendario de carreiras populares coruñesas do 2025: será o 9 de febreiro. Con esta carreira, o Goberno de Inés Rey mantén o seu compromiso coa organización dunha das probas desta distancia máis atractivas de España. Desde hoxe as persoas interesadas en participar xa poden inscribirse a través de www.carreirasgalegas.com.
A XVII edición do Medio Maratón Coruña21 contará cunha distancia homologada pola Real Federación Española de Atletismo de 21.097,50 metros e estará incluída no calendario oficial das competicións da Federación Galega de Atletismo e da RFEA. O circuíto será totalmente urbano, o que permitirá a consecución de boas marcas persoais dos e das atletas.
A carreira estará baixo o control técnico do Comité Nacional de Xuíces da RFEA e do Comité Galego de Xuíces da FGA. Espérase a participación de destacados corredores e corredoras do circuíto nacional, que estarán repartidos en 10 categorías: Sub 20, Sub 23, Sénior, sete categorías Máster e unha de atletas con discapacidade. Na última edición destacou a presenza de Tariku Novales, récord de España de maratón.
A proba repartirá máis de 15.000 euros en premios para os mellores clasificados, incluíndo un premio especial de 1.000 euros á persoa que consiga bater o récord da C21, fixado en 1 hora, 1 minuto e 40 segundos na categoría masculina e 1 hora, 11 minutos e 16 segundos na categoría feminina. Na edición deste 2024 os gañadores foron Pablo Sánchez e María Azucena Díaz.
Por outra banda, un ano máis, o Concello da Coruña aposta polo desenvolvemento simultáneo dunha proba 5K, que comezará ás 09.35 horas, cinco minutos despois da saída da carreira C21. Percorrerá unha parte do trazado do medio maratón, con saída desde o Obelisco para ambas as probas. As inscricións ábrense este luns, 2 de decembro, na páxina web da Federación Galega de Atletismo www.carreirasgalegas.com.