A Coruña acollerá tres grandes musicais de produción internacional no 2025
Cando:
3 de decembro de 2024
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, anunciou a saída á venda das entradas para ‘Priscilla’, ‘Chicago’ e ‘Carmina Burana’, cun total de 20.000 billetes
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou esta mañá a programación de musicais que acollerán o Teatro Colón e o Palacio da Ópera durante o vindeiro 2025. Trátase de ‘Priscila, la reina del desierto’, ‘Chicago’ e ‘Carmina Burana’, producións internacionais que recalarán en Galicia de maneira exclusiva na Coruña.
«Desde o Goberno de Inés Rey seguimos anunciando grandes eventos para o 2025, buscando sempre a diferenciación e a exclusividade, como é o caso destes tres musicais», indicou Gonzalo Castro. O concelleiro estivo acompañado durante a presentación por Javier Muñiz, director de programación de SOM Produce. En total, póñense á venda uns 20.000 billetes para todas as funcións.
‘Priscilla, la reina del desierto’ representarase do 13 ao 16 de febreiro no Teatro Colón. Este musical está baseado na película gañadora dun Oscar e xa pasou por 135 cidades e 30 países diferentes, acumulando máis de 7 millóns de espectadores. Trátase dunha produción con 40 artistas e máis de 500 traxes, 200 tocados e unha premiada banda sonora. Haberá un total de sete funcións.
Por outra banda, ‘Chicago’ representarase do 6 ao 9 de marzo no Teatro Colón para celebrar os 27 anos da súa estrea en Broadway. O musical, que conta unha historia de avaricia, asasinatos e do mundo do espectáculo, acumula máis de 34 millóns de espectadores e 60 premios internacionais. Ao igual que ‘Priscilla’, haberá un total de sete funcións.
Por último, ‘Carmina Burana’, de La Fura dels Baus, celebrarase do 9 ao 11 de maio no Palacio da Ópera. Trátase dun espectáculo sensorial, musical e teatral, que xa viron máis de 410.000 espectadores en Europa, Asia e América. Este musical é obra de Carlus Padrissa, fundador de La Fura dels Baus. Celebraranse un total de catro funcións.
«A Coruña converterase no Broadway galego coa chegada destes grandes espectáculos, que se suman a outros de grande éxito como foi Grease», sinalou Gonzalo Castro. As entradas para todos os espectáculos xa están á venda a través de Ataquilla e do despacho de billetes da praza de Ourense.