Museos

Presentación e inauguración da exposición temporal «Arquitecturas que falan do seu tempo» no Museo de Belas Artes da Coruña

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, Xosé López Campos, enxalzou a entidade arquitectónica propia coa que conta Galicia e que ten unha “importante pegada na identidade social e cultural que conforma a Comunidade”. Fíxoo na inauguración no Museo de Belas Artes da Coruña da exposición «Arquitecturas que falan do seu tempo», coa que se conmemora o 175 aniversario da Real Academia Galega de Belas Artes. Precisamente, ambas institucións chegaron a compartir, no seu día, o mesmo espazo.

López Campos defendeu que a arquitectura é unha das “belas artes máis influentes no contexto social e cultural dun pobo”. Neste senso, salientou a súa capacidade para “configurar espazos de encontro” e de “habitar e modelar a nosa memoria colectiva”. Ao respecto, apuntou como, no caso de Galicia, configurou “un territorio arquitectónico cunha entidade indiscutiblemente propia”.

Por estes motivos, puxo en valor esta exposición ao conseguir “reflectir a transformación visual, social e cultural” que supuxo na Galicia dos últimos 175 anos o traballo e proxectos dos 23 arquitectos que foron ou son académicos de número e de honra da Real Academia de Belas Artes, entre os que se atopan figuras de renome como Faustino Domínguez, Rafael Baltar, Xosé Manuel Casabella ou Manuel Gallego Jorreto, autor do actual edificio do Museo de Belas Artes.

O responsable de Cultura, Lingua e Xuventude destacou que, grazas ao percorrido polas obras destes profesionais, na mostra poderán descubrirse as diferentes correntes artísticas e etapas evolutivas da arquitectura na Comunidade. En concreto, precisou que, ao presentarse nunha viaxe cronolóxica, permite recoñecer inmobles que “forman parte da memoria persoal e colectiva”. Ademais, tamén remarcou o feito de que, a través desta exposición, as persoas que se acheguen “percibirán con claridade como unha obra arquitectónica pode falarnos dunha etapa histórica ou social de Galicia determinada”.

Exposición completada con obras pictóricas e fotográficas

«Arquitecturas que falan do seu tempo» está comisariada por Xosé Manuel Casabella e Alfredo Sellier, que inclúen —para contextualizar as diferentes épocas do percorrido por estes 175 anos de arquitectura de Galicia— unha selección de obra pictórica e fotográfica realizada por varios artistas galegos que, a través das súas creacións e imaxes, representan diferentes espazos urbanos da nosa Comunidade, como Xavier Correa Corredoira, Francisco Llorens ou Antonio Tenreiro.

A exposición, que estará aberta ata o 23 de febreiro de 2025, comeza o seu percorrido co arquitecto Faustino Domínguez, ao tratarse do membro fundador da Academia Galega de Belas Artes e unha figura representativa da evolución que experimentou a arquitectura galega ao longo deste últimos 175 anos.

Concertos conmemorativos

Tras a inauguración, López Campos, acompañado do director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asistiu no Teatro Colón aos Concertos do centenario. Trátase dunha programación especial que forma parte da conmemoración do 175 aniversario da Real Academia Galega de Belas Artes.

Estas actuacións, que se desenvolveron entre o 6 e o 8 de novembro, tiveron como protagonistas as corais e orquestras decanas da cidade da Coruña e os concertos estiveron integrados exclusivamente por música de compositores galegos.

Publicaciones relacionadas

Botón volver arriba

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies