Paula Cons e Elsa Punset pechan mañá, sábado 30, a programación do Concello polo 25N
Cando:
29 de novembro de 2024
A conversa ‘A educación emocional para formar relacións de parella sás’ terá lugar mañá, sábado 30 de novembro, ás 18.00 horas no Paraninfo
Paula Cons e Elsa Punset danse cita mañá, sábado 30 de novembro, para conversar sobre a educación emocional para formar relacións de parella sás. Trátase da última actividade no marco da programación do Concello posta en marcha polo Goberno de Inés Rey baixo o lema ‘Non hai escusas’ con motivo da conmemoración do 25N, Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres.
Elsa Punset é escritora e divulgadora e configúrase como unha das principais referencias no ámbito de fala hispana na aplicación da intelixencia emocional como ferramenta parra o cambio positivo. Paula Cons, directora de cine e xornalista, moderará a conversa e achegará a súa visión como muller cineasta recoñecida por filmes como La Isla de las Mentiras ou ¿Dónde está Marta?.
O acto comezará ás 18.00 horas no Paraninfo da Universidade da Coruña e está dirixida ao público xeral, con entrada de balde ata completar capacidade.
Balance de participación nos actos do 25-N
Neste ano 2024, o Concello da Coruña programou diferentes tipos de actividade dirixidas a todos os públicos. En total, a programación mobilizou a 1.621 persoas nas diferentes citas, sendo a conversa co alumnado entre Sindy Takanashi e Jesús Moreno a máis numerosa.
Os activistas e divulgadores reuniron a 450 alumnos e alumnas de ESO, Bacharelato e FP na Facultade de Socioloxía e arredor de 120 asistentes na sesión de tarde, celebrada na Fundación Paideia. Ademais, as citas testrais fixeron un cheo absoluto con 200 alumnos e alumnas no Centro Ágora para ver ‘DeseXo’ de Talía Teatro e 300 no Fórum Metropolitano con ‘Mulleres que viven soas’.
O tradicional lazo xuntou arredor de 200 persoas, entre usuarias das Escolas Deportivas Municipais e mulleres deportistas, e a proxección de ‘Soy Nevenka’, de Icíar Bollaín, 170 cubriu as 170 butacas dispoñibles de balde, pechando a retirada de billetes en menos de 48 horas.