Noticias de Galicia

Os Museos Científicos Coruñeses desenvolverán do 9 ao 17 de novembro a Semana da Ciencia

Cando:

4 de novembro de 2024

A entrada aos tres museos será gratuíta todas as xornadas

A Semana da Ciencia 2024 nos Museos Científicos Coruñeses terá, como no pasado ano, 9 días consecutivos de entrada gratuíta, nos que o público poderá gozar das exposicións interactivas dos tres centros, que abrirán todos os días de 10.00 a 19.00 horas, con último acceso ás 18.00 horas no Aquarium Finisterrae e ás 18.30 horas na Casa das Ciencias e Domus. O Goberno de Inés Rey busca con esta iniciativa fomentar a divulgación científica entre a cidadanía, apostando pola excelente oferta dos seus Museos Científicos.

«Os nosos Museos son sempre motivo de orgullo polo que aportan á cidadanía e estes días queremos abrilos a todo o mundo para amosar todo o traballo que levan a cabo a diario», indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. Para visitar eses días o Aquarium Finisterrae é imprescindible realizar unha reserva de entradas, que poderá facerse cun máximo de 3 días de antelación nesta páxina. Para facilitar o acceso ás persoas maiores de 65 anos, estas poderán acceder sen reserva, acompañadas doutra persoa se o precisan. En calquera caso, as entradas estarán limitadas por un control de espazo.

A visita ás salas de exposicións da Casa das Ciencias e á Domus será libre, sen reserva previa e sempre que a capacidade non estea completa. Para asistir a unha das sesións de planetario das fins de semana na Casa das Ciencias si hai que realizar unha reserva de entradas nesta ligazón, que poderá facerse a partir das 09.00 horas do día anterior á sesión.

Programación de planetario da fin de semana:

  • 11.30 – Polaris (+ 7 anos, castelán)
  • 13.00 – Lévame á Lúa (+ 8 anos, galego)
  • 17.00 – Hazelnuts (4 a 7 anos, galego)
  • 18.00 – Directo (+ 10 anos, cast/gal)

Ademais, de luns a venres haberá unha sesión de planetario en directo, dirixida a persoas maiores de 10 anos, para a que non hai que reservar entrada con antelación. Repartiranse invitacións para esta sesión a partir de media hora antes do seu comezo, por orde de chegada, entregando un máximo de 2 invitacións por persoa.

A Semana da Ciencia terá ademais un acto destacado, a entrega dos XXXVII Prismas Casa das Ciencias á Divulgación Científica, que terá lugar no salón de plenos do Concello da Coruña o sábado 16 de novembro.

Concerto no Aquarium Finisterrae

E para clausurar a semana, o domingo 17 terá lugar no Aquarium Finisterrae, ás 17.00 horas, un concerto do grupo EntrElas. A este concerto poderán asistir as persoas que reservasen entradas para o Aquarium Finisterrae para este día e nese horario.

EntrElas GrupoVocal constitúese como grupo a finais do 2011 na Coruña. Xorde coa intención de levar as voces femininas á música do noso tempo, abarcando gran variedade de xéneros. As súas integrantes, dez na actualidade, elevan desde A Coruña as súas voces para ofrecer a súa particular versión de temas actuais e atemporais. Trátase dun grupo formado exclusivamente por voces femininas, con distintas tesituras, que cantan a capela.

Publicaciones relacionadas

Botón volver arriba

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies