O XX Concurso de Tapas Picadillo, o máis antigo de Galicia, arrincará este venres con 52 propostas gastronómicas
Cando:
19 de novembro de 2024
Esta edición coincide co 150 aniversario do nacemento de Picadillo, motivo polo que se realizará unha cea homenaxe o xoves 21 na Taberna Triay
O evento gastronómico, que foi presentado por Inés Rey, celebrarase do 22 de novembro ao 1 de decembro en 44 establecementos
A Coruña acollerá desde este venres 22, e ata o 1 de decembro, a XX edición do Concurso de Tapas Picadillo, o máis antigo de Galicia, coincidindo ademais co 150 aniversario do nacemento de Manuel María Puga y Parga ‘Picadillo’, escritor, gastrónomo e político que dá nome ao certame. O concurso presentouse esta mañá en María Pita nunha rolda de prensa presidida pola alcaldesa, Inés Rey.
«Con iniciativas coma esta A Coruña reforza o seu posicionamento como destino gastronómico pero tamén mostra parte da súa cultura de ocio a través do ‘tapeo’, unha actividade social que crea unha rede entre os residentes e visitantes á nosa cidade, ao tempo que dinamiza o sector hostaleiro, tal e como leva facendo este Goberno municipal durante os últimos anos», destacou Inés Rey. Organizado polo Concello da Coruña, o XX Concurso de Tapas Picadillo conta coa colaboración de Estrella Galicia, Cash Record e a Asociación de Celíacos de Galicia. Na presentación estiveron presentes Lidia Filgueira, delegada na Coruña da Asociación de Celíacos de Galicia; Fran Crespo, director de negocios de Cash Record; e Chau Fernández Gago y Puga, neta de Picadillo e membro do xurado do concurso.
Nesta edición hai dúas categorías: Tapa Creativa, na que se empregarán técnicas innovadoras; e Tapa Receitario Picadillo, baseada no receitario ‘La cocina práctica’ de Picadillo. Así, o público poderá degustar un total de 18 tapas creativas e 34 tapas Receitario Picadillo, en total 52 propostas. Destas, 19 serán aptas para persoas celíacas e 7 para veganas.
Todas as tapas deberán ser orixinais e estar preparadas de xeito artesanal e con produtos de quilómetro cero ou de orixe galega. O prezo de cada unha oscilará entre os 3 e os 4 euros.
Premios
Concederanse tres premios: Mellor Tapa Creativa, Mellor Tapa Receitario Picadillo e Mellor Tapa por Votación Popular. Os dous primeiros recoñecementos pasarán por tres fases: unha previa, onde un experto avaliará se a proposta culinaria cumpre con todos os requisitos de participación; a media, que se desenvolverá durante os primeiros días do concurso e na que un xurado profesional puntuará as tapas segundo criterios coma o do sabor, elaboración, presentación e relación calidade-prezo, a fase final, na que o xurado estará formado por persoas de recoñecido prestixio no mundo gastronómico. Serán 5 tapas as que pasen á final en cada unha das súas modalidades.
Por outra banda, o premio de Mellor Tapa por Votación Popular outorgarase a aquela tapa que obtivera a maior puntuación por parte do voto do público. Coas súas votacións, as persoas participantes poderán ademais optar a diversos premios.
Como cada ano, destacará tamén o papel de Chau Fernández-Gago y Puga, neta de Picadillo, na validación e elección das mellores tapas.
Más información na páxina web www.tapaspicadillo.es.
Locais participantes
Nesta edición participan 44 establecementos: Mahara Taberna Rock, La esquina de Valentina, Taberna Triay, La Parda, A Fuego Lento, Áncora, Cerveceria O Cribo, The Breen’s Tavern, Restaurante Mesón de Herves, Cosecha 81, La Bonita, Fábula Café, La Dolce, Bar Quintela, AMA Italiana Contemporánea, Mesón Moncho, Bodega Órdenes, La Cuchara Veggie, Mesón Barrera, La Tabarra Coruña, Yebra Gastrobar, Miña Nai, Golosía, Mora’s bar, A Parva, MALTE Galera, MALTE Atochas, O DeZasete, El Corralón, Restaurante La Conquista, Chifán, Niño Rey, Buenasuegra, Taberna O Freixo, Tintos & Rubias Gastrobar, Parrillada Lembranzas, La Tribu, La Sifonería Gastrobar, Central Park, Roots, Gastrobar Pérez, El 46, Bar Ciudad y el Restaurante Intenso.
Celebrando o 150 aniversario do nacemento de Picadillo
Manuel María Puga y Parga, máis coñecido como ‘Picadillo’, foi un gastrónomo, xornalista e político galego que no 1905 escribiu ‘La cocina práctica’, considerada a biblia da cociña galega. A ilustre escritora Emilia Pardo Bazán foi a encargada do prólogo dun libro que, a día de hoxe, segue sendo un dos máis vendidos do seu ámbito.
Este ano o certame que leva o seu nome coincide co 150 aniversario do nacemento do escritor gastronómico, motivo polo que se realizará unha cea homenaxe na Taberna Triay este xoves, 21 de novembro, da man do chef Manuel Triay, gañador do premio á Mellor Tapa Receitario Picadillo 2022 e Mellor Tapa Creativa 2023.
Será unha cena a base dun menú de tapas e maridaxe da familia de Cervezas 1906. As reservas para participar na mesma están abertas e deberán xestionarse chamando a Taberna Triay.