O premio José Sellier recoñece o traballo e compromiso da Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales na XIII edición do certame
Cando:
29 de novembro de 2024
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou hoxe no acto organizado pola Academia Galega do Audiovisual, que tivo lugar nos espazos do hub tecnolóxico Hi Coruña, nos Cantóns
As instalacións do hub tecnolóxico Hi Coruña, nos Cantóns, acolleron este venres a entrega do XIII Premio José Sellier, un acto organizado pola Academia Galega do Audiovisual no que participou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
A entidade distinguida nesta edición con este galardón foi a Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales (CIMA), que conta con máis de 1.200 socias profesionais do medio audiovisual «que traballan por un obxectivo común: conseguir que a presencia das cineastas e as mulleres que traballan no sector sexa máis igualitaria», apuntou o concelleiro.
Actualmente, a CIMA conta con oito delegacións territoriais que realizan un traballo específico nas súas autonomías, con interlocución directa con institucións e entidades rexionais, co obxectivo de acadar unha representación equilibrada e realista da muller dentro da industria de contidos. Entre estas delegacións hai unha en Galicia, con Nati Juncal á fronte.
Castro apuntou que «a concesión do premio á CIMA é un motivo de orgullo para o sector audiovisual e tamén para A Coruña, onde vimos traballando desde hai tempo para reivindicar ás figuras femininas que teceron a historia cultural da cidade. Entre elas, mulleres como María Casares, da que non hai moito conmemoramos os actos polo centenario do seu nacemento».
Ademais de Gonzalo Castro, no acto desta tarde participaron Álvaro Pérez, presidente da Academia Galega do Audiovisual, e tamén Alfredo Sellier, descendente de José Sellier.