Noticias de Galicia

O mercado municipal de San Agustín acolle mañá unha xornada de degustación gastronómica, aberta á cidadanía, con produtos da lonxa da Coruña

Cando:

29 de novembro de 2024

O mercado municipal de San Agustín, nunha imaxe de arquivo

A concelleira Diana Cabanas convidou a asistir aos actos programados no primeiro andar do mercado, onde se presentará o selo de orixe ‘Peixe da Lonxa da Coruña’ e tamén se poderán degustar rilletes de xarda e uramaki de xurelo

O Concello, en colaboración coa Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (FREMSS), organiza este sábado 30 unha xornada gastronómica e divulgativa que terá lugar no primeiro andar do mercado municipal de San Agustín entre as 12.00 e as 14.00 horas.

A concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, convidou a cidadanía a asistir ao evento, que será aberto ao público ata se completar a capacidade prevista. Cabanas subliñou a importancia de actos deste tipo, «que axudan a visibilizar e poñer en valor o noso produto, que é fresco e de calidade».

Neste sentido, a programación prevista este sábado en San Agustín arrincará coa presentación do selo de orixe ‘Peixe da Lonxa da Coruña’, unha iniciativa da FREMSS na que colabora o Concello co obxectivo de distinguir os peixes e mariscos que chegan ao porto da cidade.

Será o paso previo á sesión de degustación gastronómica que organizarán de forma conxunta o equipo de profesionais da Escola de Hostalería Álvaro Cunqueiro e da Asociación de Empresarios de Hostalería da Coruña, na que as persoas asistentes poderán desfrutar, por exemplo, de rilletes de xarda sobre tostas de pan de noces e pasas, así como de uramaki, maki e temaris de xurelo. Tamén de bocadillos quentes con ensalada de repolo e mexillóns en escabeche, entre outras receitas.

Á xornada deste sábado 30 en San Agustín está previsto que asistan tanto a concelleira Diana Cabanas como o presidente da Lonxa da Coruña, Juan Carlos Corrás.

Publicaciones relacionadas

Botón volver arriba

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies