Noticias de Galicia

O Fanzine Fest celebra o seu décimo aniversario levando a cultura electrónica a diferentes espazos da cidade

Cando:

25 de novembro de 2024

O concelleiro Gonzalo Castro destaca a versatilidade deste evento, que se celebrará entre o 2 e 7 de decembro no Planetario da Casa das Ciencias, na Domus, na Fundación Luís Seoane e na sala O Túnel

Xa queda moi pouco para poder gozar dunha nova edición do Fanzine Fest, unha edición moi especial xa que celebra o seu décimo aniversario. Nesta ocasión o festival redobra a súa proposta e o seu esforzo para converter a cidade no epicentro da cultura electrónica do 2 ao 7 de decembro na Casa das Ciencias, Domus, Fundación Luís Seoane e sala O Tunel.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, puido coñecer da man dos promotores do evento, Roi Grobas e Pablo Cubeiro, todos os detalles desta edición tan especial. «Desde o Goberno de Inés Rey somos conscientes da gran versatilidade que ten o sector musical coruñés e proba dilo continuamos apoiando unha iniciativa tan singular e atractiva coma esta, que leva un xénero propios dos clubs a diferentes instalacións municipais singulares», indicou o concelleiro.

Desde o punto de vista estritamente musical Fanzine Fest contará con figuras internacionais como Convextion, Tasha, Headless Horseman, Umwelt, ou Ben Pest. Un cartel ecléctico que poñerá sobre a mesa unha visión heteroxénea e actual da vangarda musical, sen deixar de lado a escena local e galega. Este ano figuran no cartel nomees como Death Whistle, Synth Alien, Baldo, Phasic 18, Cintia  Martís, Boneco, Huma & Urok, EME-SX, Lefrenk, Dj Sith, , Robot City, Aural Space,  Roi, The Panic Room ou Fake Robotique.

Fanzine Fest arrincará a súa programación o luns 2 de decembro no Planetario da Casa das Ciencias co novo espectáculo ao vivo dos galegos Synth Alien & Baldo, preparado especialmente para a ocasión. O martes 3 de decembro, a actividade trasladarase á Domus, para gozar dunha nova edición de FPS-BPM comisariada por Juan Lesta e Maria Nunez, na que autoras e autores como  Félix Fernández, Inma Veiga, Wences Lamas, Irene Saenz, Arancha Brandón, Hugh McGinley, Laura R. Iturralde e  Xavier Núñez presentarán os seus videoclips e creacións audiovisuais. 

A actividade manterase na Domus o mércores 4 con dous concertos moi especiais: o da asturiana Okkre, unha das grandes referencias da escena nacional e que estrea colaboración na parte visual, a cargo de The Panic Room. A asturiana presentará NOISEA unha peza inspirada no impacto terapéutico que teñen as frecuencias de ruído xeradas polas praias urbanas nos  habitantes das devanditas cidades. O segundo acto da xornada correrá a cargo de Death Whistle. O de Viveiro, na súa cuarta visita ao Fanzine Fest, presentará ‘Alter’: Unha alteración do tempo que transita en ocasións por espazos luminosos, cheos de aire e espiritualidade e noutras por paisaxes escuras, rotos e inquietantes.

Fundación Luís Seoane, sede oficial do 5 ao 7

O xoves 5, a «Fundación Luís Seoane x Son Estrela Galicia» collerá as rendas do festival e durante tres xornadas converterase na sede oficial. Nela sucederanse os dj set e os directos de artistas do ámbito local, estatal e internacional. Na primeira xornada, destaca a presenza, por primeira vez en Galicia, do artista vasco Judy, así como un dos nomes imprescindibles da escena Electro nacional, o  madrileño  The Zenobit3. Estarán acompañados por tres expoñentes da escena local como son Lefrenk, Phasic 18 e EME-SX.

O segundo día, o venres 6, será unha xornada maratoniana, que comezará desde a mañá e finalizará a media noite. Será o momento do concepto formativo de Fanzine Fest, un espazo para a aprendizaxe e a mellora enfocado tanto a adultos como a nenos. Ales Pardo impartirá unha charla didáctica titulada CV-Gate-Triggers e MIDI con Ableton ao vivo, mentres que Óscar Dominguez aka Urok presentará Introdución a Touch Designer. Os nenos poderán participar no taller Pequenos Beatmakers realizado por Lefrenk e ademais gozarán da creación de sons e melodías con «Faino Soar»

Musicalmente será a quenda das actuacións entre outros de Roi, Boneco, Dj Sith e Robot city, coa participación destacada dun dos actores protagonistas da escena nos últimos anos: o francés Umwelt, DJ e produtor experimentado proveniente da escenas rave e techno underground dos anos 90. O cartel da xornada completarano a moza madrileña Luska, o leonés Hüugen, o londiniense de orixe coruñesa Lex G e o colombiano afincado en Galicia WG83.

O terceiro acto da «Fundación Luís Seoane x Son Estrela Galicia» comezará o sábado 7 pola mañá e terá un cartel comandado polo directo do artista británico Ben Pest, acompañando ao inglés estará a dupla portuguesa Ruuar, o malagueño Raphlex, e representando á escena galega, Cintia Martís, Fake Robotique e Aural Space.

 Na noite do sábado, o broche de ouro chegará, un ano máis, coa xornada de peche do festival, na sala O Tunel. Do seu cartel destaca a presenza do recoñecido produtor americano Convextion; ademais de Headless Horseman, que visitará por primeira vez Galicia; e a dj británica Tasha.

Pero non serán os únicos pratos fortes da xornada. O line up completáseno o cántabro Robert Cosmic , o andaluz, Irrational Languaje, os leoneses JX2 e os galegos Huma & Urok. Os visuais correrán a cargo dos coruñeses Baldo e The Panic Room e o leonés Mucrovisión.

As entradas do festival están á venda a través da páxina web oficial do festival,   www.fanzinefest.com. Fanzine Fest conta co apoio do Concello da Coruña e SON Estrela Galicia.

Publicaciones relacionadas

Botón volver arriba

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies