O Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, premiado pola súa xestión no desenvolvemento do turismo provincial
Cando:
8 de novembro de 2024
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, recolleu o galardón este venres na I Gala de Turismo da Deputación celebrado no Hotel NH Finisterre
O Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña recibiu este venres un galardón na I Gala de Turismo da Deputación en recoñecemento á súa aportación na planificación e desenvolvemento do turismo provincial. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, recolleu o premio nun evento celebrado no Hotel NH Finisterre e ao que asistiron máis de 150 persoas.
Este premio destaca o labor do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña a nivel provincial grazas ás accións turísticas e promocionais desenvolvidas na cidade galega que, tan só este verán, recibiu a máis de 660.000 persoas grazas a eventos propios como as Festas de María Pita e tamén a aqueles que estiveron promovidos polo Concello da Coruña como o Coruña Sounds ou o Morriña Fest. Eventos gastronómicos, musicais, artísticos e culturais que posicionan A Coruña como un referente turístico estatal repercutindo así nos datos positivos alcanzados na provincia.
A gala deste venres foi conducida pola xornalista Lorena Pose e contou coas intervencións do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e do vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira.