O Concello rebaixará un 10% o recibo do lixo durante tres meses para compensar á cidadanía polos efectos da folga do lixo
Cando:
13 de novembro de 2024
O Concello rebaixará un 10% o recibo do lixo durante tres meses para compensar á cidadanía polos efectos da folga do lixo
Está previsto que a medida se poida aplicar durante o vindeiro ano 2025
O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, informou esta mañá dos asuntos máis destacados que se aprobaron hoxe na Xunta de Goberno Local, na que se deu luz verde á aprobación do proxecto de actualización da taxa polo servizo de prestación de recollida e tratamento do lixo.
Na rolda de prensa posterior á sesión deste mércores, Lage precisou que «o Goberno de Inés Rey ve xusta e necesaria esta medida para compensar as e os coruñeses tras sufrir este verán o impacto da folga, que supuxo un quebranto importante dun servizo esencial para a cidadanía e que é público, que pagamos todas e todos».
Por iso, continuou Lage, o Concello ten previsto facer efectivo un desconto do 10% na tarifa de recollida de lixo durante tres meses, a todos os cidadáns. Será no ano 2025.
O voceiro do Goberno municipal apuntou que, para poder aplicar esta actualización será necesario modificar a ordenanza, o que se elevará ao pleno da Corporación.