Noticias de Galicia

O Concello oferta máis de 650 prazas nos campamentos de Nadal que se desenvolverán na Cidade Deportiva de Riazor e nos centros cívicos municipais

Cando:

20 de novembro de 2024

Os campamentos deportivos de Nadal levaranse a cabo na Cidade Deportiva de Riazor

“O noso obxectivo é poñerlle todas as facilidades ás familias e adaptarnos ás súas necesidades de conciliación nunhas datas tan sinaladas como as festas de Nadal”, apuntou a alcaldesa, Inés Rey

O Concello xa está a ultimar a programación definitiva de actividades socioculturais con vistas ás festas de Nadal, nas que, como xa é habitual, haberá propostas para todos os públicos con énfase nas orientadas aos máis pequenos, co obxectivo de facilitar a conciliación familiar.

A este respecto, este mércores abriuse o prazo de preinscrición nos campamentos deportivos de Nadal que organiza o Concello nas instalacións da Cidade Deportiva de Riazor. Como xa é habitual, todas as actividades están orientadas ás crianzas, concretamente no treito de idade de 6 a 12 anos, con preferencia para as persoas empadroadas no termo municipal.

A programación, que se desenvolverá entre finais de decembro e inicios de xaneiro, permitiralle ás nenas e nenos gozar dun amplo abano de disciplinas deportivas, como o atletismo, a escalada deportiva, loita e defensa persoal, bádminton, xadrez, xogos acuáticos e actividades en espazos naturais, ao aire libre.

Os campamentos deportivos de Nadal levaranse a cabo en dúas quendas: a primeira, entre os días 23, 24, 26 e 27 de decembro; a segunda, os días 30 e 31 de decembro, continuando os días 2 e 3 de xaneiro.

Cómpre lembrar que, un ano máis, o Concello ten previsto habilitar dous horarios diferenciados: xeral (de 09.00 a 14.00 horas) e outro ampliado, orientado á conciliación (con entrada entre as 08.30-09.00 e saída ás 14.00 ou ás 14.30 horas). «Desta forma, buscamos ofrecerlle todas as facilidades ás familias coruñesas, adaptándonos ás súas necesidades», expuxo a alcaldesa, Inés Rey, que apuntou que a opción do horario ampliado non supón un custo engadido, xa que o prezo xeral será único: de 35,04 euros por participante e quenda.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, precisou que «o Concello oferta 144 prazas nos campamentos deportivos de Nadal, con 72 prazas por quenda».

As datas a ter en conta

A preinscrición nos campamentos deportivos de Nadal estará habilitada ata este domingo 24, incluído. Poderá formalizarse a través do formulario dixital habilitado na páxina web do servizo de Deportes do Concello.

Xa o día 26 de novembro, publicarase a listaxe provisional de solicitantes, abríndose entón un prazo para a corrección de erros, ata o día 28. O día 29 publicarase a listaxe definitiva para o sorteo, que terá lugar o 2 de decembro.

As e os menores que obteñan praza poderán formalizar a súa matrícula do 5 ao 12 de decembro, ambos os días incluídos. Poderá facerse en liña e tamén por vía presencial, no Palacio dos Deportes de Riazor.

Máis de 500 prazas nos campamentos de Nadal dos centros cívicos

Ademais, Inés Rey adiantou hoxe que o vindeiro luns 25 abrirá a preinscrición nos campamentos de Nadal que terán lugar nos centros cívicos municipais, ideados para nenas e nenos en idade de 4 a 12 anos. A oferta será de 525 prazas, máis de medio milleiro, das que haberá prazas específicas para menores con necesidades educativas especiais.

As actividades terán lugar os días 23, 26, 27 e 30 de decembro, tendo continuidade tamén a inicios de xaneiro. Concretamente os días 2, 3 e 7. Haberá, ademais, dous tipos de horario: xeral (de 10.00 a 14.00 horas) e ampliado (de 09.00 a 14.30 horas).

A este respecto, serán sete os centros cívicos municipais nos que se ofertará o horario ampliado nos campamentos de Nadal: O Castrillón, Monte Alto, Os Mallos, Os Rosales, Novoboandanza, Novo Mesoiro e San Diego. Por outra banda, o horario xeral habilitarase nos de Artesáns, Castro de Elviña, Cidade Vella, Eirís, Elviña, Feáns, Labañou, Monelos, Palavea, Pescadores, Sagrada Familia, San Pedro de Visma e Santa Lucía.

O sorteo de prazas entre as preinscritas e preinscritos, o xoves 5 de decembro

A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, expuxo polo miúdo o procedemento desta convocatoria, que estipula a preinscrición entre o 25 e 27 de novembro, «ambos os días incluídos». Será preferentemente en liña, a través da web de Servizos Sociais, ou ben por vía telefónica (695133494).

Tras a publicación da listaxe de nenas e nenos preinscritos, xa o xoves 5 de decembro terá lugar o sorteo das prazas. Será o martes 10 de decembro cando se publiquen as listaxes de admitidas e admitidos, así como a de agarda.

A inscrición definitiva, co pagamento dos campamentos (26 euros no formato de horario xeral, 32 euros no de horario ampliado), estará habilitada entre os días 11 e 14 de decembro.

Toda a información ao respecto poderá consultarse na web do Concello, así como nos centros cívicos municipais e a través do 010.

Publicaciones relacionadas

Botón volver arriba

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies