Noticias de Galicia

O Concello instalará tres puntos limpos de proximidade nos barrios dos Castros, Os Mallos e Palavea

Cando:

11 de novembro de 2024

O minipunto limpo do Campo de Marte, en Monte Alto, nunha imaxe de arquivo

Con estas novas localizacións xa son sete as instalacións postas ao servizo da veciñanza para a achega de residuos de reciclaxe complexa

O Concello ampliará ata sete a actual rede de puntos de proximidade destinados a residuos domésticos de difícil reciclaxe, coa instalación de tres novos centros de recollida nos barrios dos Castros, Os Mallos e Palavea.

Nestes colectores de pequeno formato a cidadanía poderá depositar residuos domésticos de tamaño reducido como bolígrafos e material de escritura, cartuchos de tinta, pequenos RAEES (residuos de aparellos eléctricos e electrónicos), pilas e acumuladores, cápsulas de café e lámpadas.

A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, explicou hoxe que «a maioría destes residuos son tecnicamente reciclables, pero requiren dun tratamento máis complexo e de maior custo». «Desde o Concello queremos facilitarlle á veciñanza a separación e recollida destes residuos para evitar que acaben no vertedoiro, dando así unha saída axeitada a cada residuo, levándoo ao xestor de reciclaxe correspondente», agrega.

Cómpre lembrar que a cidade xa conta con catro minipuntos limpos de proximidade, con un grande éxito de captación e participación por parte dos veciños, localizados e operativos en:

  • Monte Alto: Campo de Marte.
  • Agra do Orzán: Rúa Barcelona, 27.
  • Os Rosales: Rúa Manuel Azaña, 41.
  • Novo Mesoiro: Avenida de Novo Mesoiro, 32.

A estes catro sumaranse tres novos, que darán servizo a:

  • Os Mallos: Praza de Monforte.
  • A Gaiteira – Oza – Os Castros: Avenida de Oza, 132.
  • Palavea: Praza do Padre Busto, 1.

Neste sentido, e co obxectivo de facilitar a correcta separación de residuos desde o inicio da cadea, o Goberno de Inés Rey está a promover a disposición de máis minipuntos limpos de proximidade, colectores de residuos de pequeno formato instalados na vía pública. Dispoñen de sete espazos independentes de introdución e almacenaxe de residuos, permitindo a recollida de unha a sete fraccións diferenciadas e contan con dous paneis informativos.

Estes novos puntos limpos de barrio para refugallos de pequeno tamaño, completan a rede de recollida de residuos contaminantes, perigosos e de difícil reciclaxe da cidade, formada polos dous puntos limpos dos Rosales e Eirís, destinados a residuos voluminosos como mobles, electrodomésticos, pneumáticos, podas e segas, entullos e botes de spray e pinturas, entre outros. As empresas dos polígonos industriais de Agrela e Pocomaco contan cos seus propios puntos limpos para darlle servizo ás industrias e empresas alí situadas.

Ademais, o punto limpo móbil do Concello percorre cada semana os barrios para que os veciños e veciñas poidan depositar refugallos como aceite doméstico, fluorescentes, pequenos electrodomésticos, radiografías e outros residuos.

Toda a información sobre o horario do punto limpo móbil pódese obter na web municipal ou no teléfono 010.

Publicaciones relacionadas

Botón volver arriba

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies