Luz verde ao plan de melloras previsto polo Concello no paseo das Pontes, onde se renovará o firme en máis de 6.600 metros cadrados de superficie nos espazos peonís
Cando:
1 de novembro de 2024
O Goberno de Inés Rey investirá 200.000 euros para acometer dita intervención
Antes de que remate o ano, o Concello iniciará no paseo das Pontes os traballos de mellora previstos nas sendas e percorridos peonís existentes no barrio, que vertebran o parque entre a rolda de Nelle, a avenida de Fisterra e o paseo de Rolda.
Neste sentido, a Concellaría de Infraestruturas e Mobilidade ten deseñado un plan de intervencións no barrio, que suporá a renovación do aglomerado nos espazos peonís nunha superficie de máis de 6.600 metros cadrados, onde o paso do tempo e a exposición ás inclemencias meteorolóxicas supuxo unha erosión progresiva do firme nas zonas de paso.
A concelleira Noemí Díaz apuntou, a este respecto, que o Concello prevé levar a cabo un investimento de 200.000 euros para acometer as obras no paseo das Pontes. A medida englóbase dentro das actuacións que está a levar a cabo o Goberno de Inés Rey para a mellora de zonas peonís en toda a cidade.
«Intervencións como as renovacións de firme ou pavimentos nas zonas de paso peonil son necesarias cada certo tempo, para reforzar a seguridade das e dos cidadáns e tamén para garantir que todos os espazos públicos da cidade sexan accesibles ás persoas con mobilidade reducida», apuntou Noemí Díaz.
O Goberno municipal, recordou a concelleira, vén de doblar os fondos destinados a mantemento de firmes en toda a cidade, pasando de 2 a 4 millóns de euros, o que permitirá aumentar as intervencións que o Concello leva a cabo en toda a cidade, incrementando en máis de 70.000 metros cadrados a superficie sobre a que se actuará cada ano.