Noticias de Galicia

Inés Rey lembra o legado do coruñés Miguel López, ‘El Hematocrítico’, “que achegaba sentido, humor e humanidade na gran comunidade global da Internet”

Cando:

5 de novembro de 2024

Ledicia Costas e Inés Rey, esta tarde, na apertura da mostra

A alcaldesa presentou hoxe a mostra ‘Hematocrítico Ilustrado’, que lle rende homenaxe ao mestre e divulgador herculino, falecido hai case un ano e coñecido pola súa obra de literatura infantil e xuvenil, tamén en redes sociais

Ata o vindeiro 6 de xaneiro, o salón municipal de exposicións do Palexco acollerá a mostra ‘Hematocrítico Ilustrado’, unha iniciativa cultural impulsada polo Concello, en colaboración co Hemato Festi, para renderlle homenaxe a Miguel López, mestre e divulgador coruñés coñecido nas redes sociais como ‘El Hematocrítico‘, falecido hai case un ano.

Ao acto inaugural da exposición asistiron familiares e achegados de López, figura central dunha mostra que, como subliñou a alcaldesa, Inés Rey, «lembra a unha persoa que deixou unha fonda pegada en nós como veciñas e veciños da cidade, mais tamén en milleiros de persoas na gran comunidade global que é a Internet».

López, autor de obras de literatura infantil e xuvenil como Alcaldesa Vermella e Max Burbuja, «sacábanos sempre un sorriso coas súas publicacións nas redes, onde achegaba sentido e humanidade entre tanto e tanto ruído. Tamén moito humor. E ese legado, en clave positiva é o que precisamente queremos plasmar nesta mostra»

A mostra, comisariada por Matilde Rodríguez, recolle parte da mirada crítica e positiva da realidade que difundía Miguel López nas redes sociais, canles nas que expresaba a miúdo «a importancia de defender a infancia e os seus dereitos», lembrou Inés Rey, que agradeceu expresamente a implicación e colaboración de Ledicia Costas e Alberto Vázquez para facer realidade esta iniciativa.

A mostra contará cun espazo didáctico ideado para fomentar a creatividade das crianzas

‘Hematocrítico Ilustrado’ conta, como un dos seus pratos fortes, cun percorrido creativo de ilustracións no que compañeiras e compañeiros de profesión de Miguel achegan as súas ideas en conexión coa súa obra. Son Albert Monteys, Alberto Vázquez, Cintia Hierro, Eugenio Ábalos, Laura Árbol, Mar Villar, Martín Romero, Olga Capdevila e Paco Roca.

Ademais, na mostra tamén se habilitou unha sección especial dedicada a El Hematocrítico de Arte, o primeiro grande éxito literario de Miguel López. En paralelo, haberá un espazo didáctico no que as nenas e nenos poderán experimentar coa escritura e a creatividade, coas mesmas ferramentas do Hematocrítico.

A maiores, a exposición contará cunha Biblioteca Hemato, un espazo de lecer cunha selección específica de contos e obras do autor.

A alcaldesa, Inés Rey, convidou a cidadanía a achegarse e gozar da mostra, que estará habilitada ata o 6 de xaneiro. «Coas datas do Nadal entre medias, será unha ocasión inmellorable para vivir moi de preto o universo do Hematocrítico», subliñou.

Publicaciones relacionadas

Botón volver arriba

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies