Entran en funcionamento os novos puntos limpos de proximidade dos Castros, Os Mallos e Palavea
Cando:
21 de novembro de 2024
Os tres colectores súmanse aos de Monte Alto, Os Rosales, Agra do Orzán e Novo Mesoiro, nos que o ano pasado os vecinos e veciñas depositaron case 5000 quilos de residuos de difícil reciclaxe
A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, asistiu á instalación do novo punto limpo de proximidade que o Concello colocou á altura do número 132 da avenida de Oza. Este colector, xunto aos que o Goberno de Inés Rey instalou na praza de Monforte (Os Mallos) e na praza do Padre Busto (Palavea) aumentan ata sete a actual rede de puntos de proximidade destinados a residuos domésticos de difícil reciclaxe. A veciñanza poderá depositar neles residuos domésticos de tamaño reducido como bolígrafos e material de escritura, cartuchos de tinta, pequenos RAEES (residuos de aparellos eléctricos e electrónicos), pilas e acumuladores, cápsulas de café e lámpadas.
Neira explicou que se agarda, cos novos colectores, aumentar de forma significativa o volume de recollida destes residuos que son tecnicamente reciclables, pero que requiren dun tratamento máis complexo e de maior custo. «En 2023 recolléronse un total de 4920 quilos destes residuos, máis de 2000 quilos máis que o ano anterior», sinalou Neira, que animou os veciños para utilizar os novos colectores para desfacerse destes residuos, evitar que acaben no vertedoiro e conseguir a súa reciclaxe e reutilización.
Os minipuntos limpos de proximidade son colectores de residuos de pequeno formato instalados na vía pública. Os sete colectores internos permiten manter separados os diferentes residuos e a forma e colocación das bocas non permite o acceso fortuíto ao interior. Un sistema especial de illamento, permite unha protección total dos residuos fronte a entrada e saída da auga, evitando así que esta corrompa e arrastre os elementos contaminantes contidos nos diferentes depósitos, como o mercurio das pilas botón, as tintas dos cartuchos da impresora ou o chumbo dos RAEEs.
A instalación dos novos minipuntos prodúcese no marco da Semana Europea da Prevención de Residuos. Cada colector supuxo un investimento de 9.900 euros, dos que o 85% foi financiado pola Unión Europea con cargo aos fondos NextGeneration EU de acordo coa liña de axudas convocada pola Vicepresidencia Segunda e Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Estes novos puntos limpos de barrio completan a rede de recollida de residuos contaminantes, perigosos e de difícil reciclaxe da cidade, formada polos dous puntos limpos urbanos dos Rosales e Eirís, os dous puntos limpos nos polígonos industriais de Pocomaco e Agrela e o Punto Limpo Móbil.