En marcha as obras de demolición do esqueleto urbanístico do Martinete, que executa o Concello ao non cumprir coas súas obrigas a propiedade
Cando:
19 de novembro de 2024
A alcaldesa, Inés Rey, expuxo hoxe á veciñanza do Martinete os prazos previstos para a demolición do esqueleto da rúa Luis Peña Novo
A alcaldesa, Inés Rey, asistiu este martes á posta en marcha dos traballos, que contan cun orzamento de case medio millón de euros. A previsión é que a intervención remate durante o primeiro trimestre do vindeiro ano
A alcaldesa, Inés Rey, asistiu hoxe ao inicio das obras de derruba do esqueleto urbanístico existente entre as rúas Luís Peña Novo e Mozart, unha intervención que forma parte dos compromisos asumidos pola rexedora coa veciñanza do Martinete neste mandato.
Rey lembrou que a problemática existente con esta estrutura remóntase a hai máis de 15 anos, xa que o esqueleto remóntase aos anos da crise financeira do 2008. «Como xa recalcamos en numerosas ocasións, a propiedade nunca chegou a completar as obras necesarias para darlle acceso ás vivendas, polo que o edificio ficou sen rematar e, polo paso do tempo e a conseguinte deterioración da estrutura, as obras declaráronse ilegalizables».
A alcaldesa, que citou ás veciñas e veciños para explicarlles os plazos da actuación, estivo acompañada polo concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, e pola concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, que tamén atende ás demandas veciñais do distrito 7. Rey subliñou que a previsión do Concello é que os traballos de demolición, que se levan a cabo pola vía de execución subsidiaria, duren aproximadamente catro meses, co obxectivo de velos rematados no primeiro trimestre de 2025, deixando así o terreo baleiro.
Actualmente, o esqueleto ocupa un soar dunha superficie de máis de 1.100 metros cadrados, e, co paso dos anos, foi converténdose nun foco de insalubridade e maleza. «A súa progresiva deterioración derivou nun risco para a seguridade das persoas. Por iso, tras anos e anos de desleixo por parte da propiedade, o Concello xa está a actuar para poñer fin a un problema que, durante moito tempo supuxo unha grande incomodidade para a veciñanza», subliñou Rey, que lembrou que a propiedade nunca rematou a construción para facilitar o acceso ás vivendas, e, a posteriori, tampouco se responsabilizou á hora de rehabilitar e manter a estrutura.
Neste sentido, e como paso previo á intervención sobre o esqueleto en si, xa ao longo da semana pasada se foi instalando o valado perimetral de protección que delimita o espazo onde se actuará. Como xa se informou en semanas previas, a empresa encargada das obras de demolición será Hercal Diggers. O Concello destina case medio millón de euros aos traballos.
Na súa visita ao Martinete, Inés Rey tamén apuntou que o Goberno municipal terá en conta as suxerencias da veciñanza no tocante ao futuro aproveitamento dos terreos nos que actualmente está ubicado o esqueleto. Entre elas, un parque.