Celebración das IV Xornadas de museos
O pasado xoves, 14 de novembro, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou na Cidade da Cultura a Xornada de Museos de Galicia, na que se analizou o impacto da Lei galega de museos a través das experiencias das entidades. Trátase dun foro de debate xa de carácter anual, no que nesta ocasión púxose en valor o impulso que deu ao sector esta norma que leva vixente dende o 2021 e no que participan diversos representantes dos centros galegos.
No marco desta xuntanza, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, destacou que estas xornadas están pensadas para manter un diálogo activo entre o Goberno galego e as entidades que forman parte da rede de museos creada grazas a esta norma. Deste xeito, Anxo M. Lorenzo agradeceu a asistencia a todos os representantes das entidades expositivas e salientou o interese que xeraron estas charlas, que contan con máis dun cento de persoas asistentes, representantes de centros museísticos de toda a comunidade.
Neste senso, tamén puxo en valor o impulso para o sector que supuxo a chegada desta lei e fomentar o papel destes centros como xeradores de coñecemento e de riqueza. Así, sinalou que un dos principais fitos foi a posta en marcha do Sistema Galego de Centros Museísticos do que forman parte na actualidade un total de 89 centros, dos que 69 son museos e 20 son coleccións museográficas e que ofrece vantaxes para as institucións, que xa poden acadar axudas públicas, asesoramento técnico e potenciar a súa divulgación a través do portal de Museos de Galicia.
Por outro lado, Anxo M. Lorenzo celebrou os datos publicados no informe do Consello da Cultura Galega e que reflicten o bo momento que está a vivir a nosa cultura, que conta cunha ampla oferta de lecer para todos os públicos e que se ve reflexado no aumento do gasto das familias en produtos e servizos deste ámbito, como indica o devandito documento.
Ampla participación
As xuntanzas, que se desenvolveron ao longo da mañá, fixeron un percorrido polos principais fitos que trouxo consigo esta norma, como a seguridade xurídica, a normalización de procedementos, a creación do sistema galego de museos ou o desenvolvemento de liñas de subvencións específicas dirixidas aos centros que forman parte deste organismo, entre outras cuestións. Neste senso, participaron nas exposicións varios centros que relataron a súa experiencia da súa recente integración no Sistema ou as accións desenvolvidas ao abeiro das axudas des que foron partícipes.
Nos relatorios tamén se fixo fincapé no traballo de desenvolvemento normativo que ten en marcha a Dirección Xeral de Cultura en relación coa devandita lei, como a regulamentación para o desenvolvemento dos procedementos de creación, modificación e disolución de centros museísticos ou o enfoque máis inclusivo das axudas ao sector para o 2025. Deste xeito, estas xornadas buscaban recompilar as experiencias e afondar nas dificultades das entidades do sector para a consecución dun sector máis profesional, máis inclusivo, con maior proxección, visibilidade e, polo tanto maior prestixio.