Noticias de Galicia

Arrincan as obras de construción do novo viario que conectará a avenida de Arteixo e A Sardiñeira pola Agra dos Mallos, para mellorar os accesos á intermodal

Cando:

9 de novembro de 2024

O sector oeste da avenida da Sardiñeira, onde conflúe coa Agra das Mallos

A intervención suporá un investimento de máis de 2,5 millóns de euros

O Concello puxo en marcha esta semana os traballos de construción do novo viario que conectará a avenida de Arteixo e A Sardiñeira a través da Agra dos Mallos, unha intervención clave para facilitar o acceso ás futuras instalacións da estación intermodal desde a entrada da cidade.

Esta medida é fundamental para segregar o tráfico específico que vai en dirección á intermodal, de aí que o Goberno de Inés Rey a estea a impulsar en paralelo ás melloras que xa se están a executar na propia avenida da Sardiñeira, adaptando a contorna da estación ás futuras necesidades das persoas usuarias en termos de mobilidade e accesibilidade.

Neste sentido, as obras na Agra dos Mallos esixen, como paso previo, a relocalización dos postos do mercado da Sardiñeira, que ten lugar os martes e sábados. Por iso, e antes de acometer a construción do novo viario, o Concello iniciou xa os traballos para acondicionar o lateral do centro cívico dos Mallos, onde, tal e como se acordou previamente coas persoas vendedoras, se gañarán espazos para distribuír os postos, que na súa meirande parte seguirán a habilitarse na explanada situada na parte traseira do edificio Aliko.

A mediados de semana, a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, e a concelleira de Atención Cidadá e Seguridade, Montse Paz, visitaron a Agra dos Mallos para informar sobre as actuacións previstas. A medida que avance o plan de obras, xa serán visibles as novas beirarrúas e carril bici que discorrerán en paralelo ao viario.

Cómpre lembrar que o Concello levará a cabo un investimento de 2,5 millóns de euros nesta intervención, que, ademais de abrir un novo paso para o tráfico rodado en dirección á intermodal -aliviando así o sector oeste da Sardiñeira, as rúas interiores dos Mallos e a rolda de Outeiro-, tamén suporá melloras substanciais nas conexións con Vioño e na propia avenida de Arteixo.

A este respecto, tal e como se informou en abril deste ano, coa saída a contratación das obras, tamén está previsto construír unha nova glorieta en forma de óvalo na propia avenida de Arteixo. Esta glorieta, que terá 17 metros de radio exterior, estará localizada entre o centro cívico e o centro de saúde dos Mallos. Isto posibilitará a realización de cambios de sentido neste sector da avenida de Arteixo, facilitando o acceso directo ao barrio de Vioño e á contorna do propio centro de saúde ás persoas que cheguen en sentido de entrada á cidade.

Máis de catro millóns para mellorar a mobilidade dos Mallos e Vioño

A alcaldesa, Inés Rey, destacou que tanto as obras de mellora previstas na avenida da Sardiñeira como para construír o novo viario na Agra dos Mallos «son intervencións clave para absorber o tráfico específico que vai en dirección á intermodal e, de paso, mellorar a mobilidade na contorna dos Mallos e Vioño», barrios onde a circulación de vehículos é intensa e diaria por ser, como son, puntos de entrada á cidade.

Neste sentido, á reurbanización da Sardiñeira destínanse 1,8 millóns de euros, cofinanciados con fondos Next Generation, e outros 2,5 millóns en fondos propios á nova conexión entre a avenida de Arteixo e a Sardiñeira. «Isto supón, en termos prácticos, máis de catro millóns para dar un xiro de 180 graos á mobilidade da zona, con melloras nos seus espazos públicos», indicou Rey.

Publicaciones relacionadas

Botón volver arriba

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies