A Xunta de Goberno Local aproba o orzamento do programa municipal do Talón Restaurante 2025, que contará con 600.000 euros
Cando:
13 de novembro de 2024
«Hai centos de persoas que empregan este servizo que supón, ademais, unha importante contribución social especialmente para aqueles maiores que viven sós», expuxo José Manuel Lage, voceiro do Goberno municipal
A Xunta de Goberno Local, celebrada este mércores en sesión ordinaria, validou o programa do Talón Restaurante con vistas ao vindeiro ano 2025, cun orzamento de 600.000 euros.
Isto contribuirá a dar continuidade a unha iniciativa que, como apuntou o voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, «ten como principal obxectivo a prevención da dependencia e a promoción da autonomía das persoas maiores, facilitando a súa interrelación coa súa contorna social máis próxima proporcionándolles, ademais, unha alimentación equilibrada».
Ao igual que na anterior convocatoria, o Concello sufragará parcialmente o custo do menú que os establecementos hostaleiros poderán ofertar, ben a un prezo máximo de 9 euros (IVE engadido), ou ben un menú económico, por un máximo de 7,20 euros (IVE engadido).
«Hai centos de persoas que empregan este servizo que supón, ademais, unha importante contribución social especialmente para aqueles maiores que viven sós», razoou Lage.