A oficial da Policía Local Silvia Castro Rodríguez recibe a Medalla de Ouro da Educación Viaria
Cando:
27 de novembro de 2024
A profesional, no corpo desde 1992, recibe este distintivo nacional pola súa dedicación cos máis pequenos e colectivos vulnerables.
A oficial da Policía Local da Coruña Silvia Castro Rodríguez recibiu o pasado 19 de novembro en Madrid a Medalla de Ouro da Educación Viaria. A funcionaria, que leva desde 1992 no corpo, foi premiada polo seu labor nunha gala celebrada durante o Seminario Nacional sobre Educación Viaria do Global Mobility Call. Este premio está organizado por UNIJEPOL-FETEVI.
O Goberno de Inés Rey amosa a súa satisfacción por este recoñecemento a unha das súas funcionarias, que se suma a outros tantos acadados nos últimos anos pola Policía Local da Coruña. Silvia Castro Rodríguez ten praza na sección de Educación Viaria desde o ano 2012, mais con anterioridade xa viña formando a colectivos vulnerables nesta materia.
Ao longo destes anos desenvolveu diferentes proxectos dentro do corpo da Policía Local, orientados a distintos colectivos e idades, desde unha visión multidisciplinar, transmitindo valores cívicos de convivencia, respecto e solidariedade.
Entre algúns dos proxectos realizados por Silvia atópase o «Proxecto Ceda O Paso»: A educación viaria como vía de integración do colectivo de inmigrantes na Coruña 2012. Tamén desenvolveu actividades e unidades didácticas de educación viaria en centros educativos da Coruña. E, por último, realizou colaboracións coa Asociación Internacional de Profesionais para a Seguridade Viaria como asesora pedagóxica para proxectos de Educación Viaria, traballos como formadora en Perú, conferencias no Global Alliance en Grecia ou Intercipsevi en Madrid.
UNIJEPOL-FETEVI otorga estes galardóns honoríficos de carácter individual para recoñecer ás persoas compoñentes das distintas policías locais do país en cuxa traxectoria profesional destaque un firme compromiso coa educación viaria.