Noticias de Galicia

A Coruña e San Sebastián reivindican a extensión e priorización das redes ferroviarias no espazo atlántico

Cando:

14 de novembro de 2024

Este xoves fíxose efectivo o traspaso da presencia da rede Atlantic Cities de Donosti a A Coruña

Inés Rey destaca o compromiso das cidades atlánticas coa cooperación e a sustentabilidade para ser máis competitivas no espazo europeo

A Coruña acolleu esta mañá unha xornada institucional liderada pola alcaldesa, Inés Rey, que marcou o traspaso de presidencia da rede de cidades atlánticas Atlantic Cities, asumida despois do mandato de Eneko Goia Laso, alcalde de Donosti.

Ambos explicaron a importancia de dar continuidade aos cinco grupos de traballo da rede, incluíndo o de gobernanza atlántica e o proxecto de gastronomía atlántica, onde colabora o Basque Culinary Center na definición da dieta e despensa atlántica.

Rey sinalou que esta nova etapa reforza o obxectivo de fomentar unha comunicación máis directa e unha cooperación máis estreita entre as cidades. «O contacto directo entre os membros da rede é esencial para estreitar lazos e avanzar en proxectos comúns», subliñou.

A alcaldesa destacou o compromiso da rede pola sustentabilidade en concreto en materia de turismo e o papel de A Coruña como cidade anfitriona como principal cidade do arco atlántico, coordinando a acción e cooperación entre as grandes cidades atlánticas de Portugal, Francia, Irlanda e España.

Pola súa banda, o alcalde de San Sebastián salientou a creación dun grupo específico de traballo en materia de transporte co Corredor Atlántico como eixe, co obxectivo de mellorar as redes ferroviarias no espazo atlántico. Ambos reivindicaron a necesidade que se priorice e extenda este corredor para promover unha verdadeira cohesión territorial en Europa.

Como presidenta de Atlantic Cities, Rey liderará o Plan de Acción 2024 que ten como principais eixos o reforzo dos lazos e posicionamento dos territorios a escala internacional co turismo sostible como modelo, e a posta en marcha dun blue deal a escala europea, ademais traballarán na gobernanza territorial do espazo atlántico mediante o seguimento dos proxectos europeos de desenvolvemento rexional.

A rede participa ademais en proxectos de carácter europeo: WINBLUE, para o empoderamento das mulleres na economía azul; o POST, para o desenvolvemento do turismo sostible policéntrico; e o ESPON, sobre o desenvolvemento da macro rexión atlántica.

Sobre Atlantic Cities

A rede Atlantic Cities, fundada o 7 de xullo do ano 2000 coa Declaración de Rennes, é unha organización sen ánimo de lucro destinada a promover a cooperación entre as cidades da rexión atlántica.

O obxectivo principal é apoiar un desenvolvemento común para as cidades do arco atlántico, servindo de intercambio de experiencias entre cidades similares en materia de turismo e planificación urbana. 

Representa a unha poboación de máis de 3 millóns de habitantes ante a Unión Europea e está formada por 17 cidades e áreas urbanas de catro países europeos (Irlanda, Francia, España e Portugal): Biarritz, Bilbao, Braga, Brest Métropole, Cork, A Coruña, San Sebastián, Faro, Gijón, a Deputación Foral de Gipuzkoa, Lisboa, Rennes Métropole, a Comunidade urbana da Rochelle, Las Palmas de Gran Canaria, Santander, Santiago de Compostela e Viana do Castelo.

Publicaciones relacionadas

Botón volver arriba

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies