Noticias de Galicia

A Coruña consolídase como motor do audiovisual en Galicia coa segunda edición do FIGA

Cando:

5 de novembro de 2024

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou o crecemento da creación en galego e o “alto nivel” das produtoras coruñesas

O Foro da Industria Galega do Audiovisual terá lugar entre os días 7 e 9 de novembro na Cidade das TIC baixo o lema ‘A lingua e o audiovisual’

O Concello da Coruña acolleu esta mañá a prentación do II Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA), que se celebrará entre os días 7 e 9 de novembro na Cidade das TIC da Coruña baixo o lema ‘A lingua e o audiovisual’. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, interviu na presentación e sinalou o foro como mostra da consolidación da Coruña como motor do audiovisual en Galicia.

Nesta segunda edición, o foro servirá para analizar a diversidade lingüística no sector audiovisual, co obxectivo de valorar a situación actual e debater retos de futuro. Durante tres días, máis de 30 profesionais e persoas expertas tratarán os retos e oportunidades que implica a produción e exhibición de contidos audiovisuais en linguas minorizadas. Castro destacou o crecemento da creación en galego e o «alto nivel» das produtoras coruñesas «non só a nivel local senón nacional e internacional» e comprometeu o apoio do Concello ao sector. Así mesmo, reivindicou a necesidade de promocionar o galego no audiovisual: «falando de futuro, temos que facelo tamén do da nosa lingua, unha ferramenta e un tesouro común que estamos obrigados a defender desde calquera posición» sinalou.

Tamén interviron Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia Galega do Audiovisual; Avia Veira, deputada provincial da Deputación da Coruña; María Soliña Barreiro, coordinadora de contidos de FIGA; e Saamira Ganay, integrante da Xunta directiva da Academia.

O programa articúlase en tres xornadas temáticas: a do xoves 7 de novembro leva por título «Na procura da nova televisión: públicos mozos, accesibilidade e referentes renovados» e centrarase no desafío de captar ás audiencias máis novas, mantendo a diversidade lingüística como valor diferencial. A do venres 8 está titulada «Unha esfera cultural propia: producir en linguas minorizadas ou minoritarias» e, nela, analizarase o impacto de crear contidos en linguas non hexemónicas.

Para rematar, as conferencias da xornada de clausura, o sábado 9,  «Cara un circuíto estable e unha normalización na lingua do audiovisual». A xornada de clausura explorará as posibilidades de avanzar cara a un sistema audiovisual galego sólido que permita a normalización efectiva do uso da lingua galega.

O Foro da Industria Galega do Audiovisual – FIGA é unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual realizada grazas ao apoio do Concello da Coruña e a área de cultura da Deputación da Coruña, que conta nesta edición coa colaboración da Cidade das TIC e o Grupo de Estudos Audiovisuais da USC.

Publicaciones relacionadas

Botón volver arriba

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies