Noticias de Galicia

O parque Europa contará cunha nova área biosaudable nas inmediacións da pista de baloncesto

Cando:

29 de outubro de 2024

O parque Europa contará cunha nova área biosaudable nas inmediacións da pista de baloncesto

O parque Europa, nunha imaxe de arquivo

Os traballos comezarán ao longo do mes de novembro e prolongaranse, aproximadamente, durante un mes. Recentemente, o Goberno de Inés Rey xa creou un espazo deste tipo no barrio de Monte Alto e ampliou o de Palavea

Nas vindeiras semanas o Concello acometerá os traballos de construción dunha nova área biosaudable no parque Europa, un espazo que lle permitirá ás e aos usuarios a práctica diaria de exercicio ao aire libre.

A localización da área biosaudable xa está definida pola Concellaría de Infraestruturas e Mobilidade, que ten previsto aproveitar o espazo sueste do parque, a carón da pista de baloncesto, para delimitar tres zonas individuais onde se habilitarán os novos equipamentos deportivos, orientados á tonificación muscular, flexibilidade, mobilidade articular e control postural. Haberá bicicletas de elíptica e máquinas de dominadas e press sentado, por exemplo.

Desta forma, darase uso a unha superficie de 140 metros cadrados que contará, ademais, cun firme de caucho, para reforzar a seguridade das e dos usuarios.

«Seguimos apostando por darlle resposta ás necesidades da veciñanza aproveitando espazos públicos que, nalgúns casos, estaban infrautilizados. No caso do parque Europa, a nova área biosaudable estará instalada nunha localización que xa é de uso habitual para o lecer das e dos usuarios. Agora, darémoslle un impulso promovendo o exercicio físico e o envellecemento activo nestas instalacións, que habitualmente empregan persoas en idade máis avanzada», indicou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.

A previsión do Concello é que os traballos se executen no prazo dun mes, desde a súa posta en marcha, sempre e cando as condicións meteorolóxicas sexan favorables.

Avances na mellora das infraestruturas deportivas ao aire libre

Nos últimos meses, o Goberno de Inés Rey está a dar un pulo ao plan de mellora das infraestruturas deportivas ao aire libre, que se está a executar baixo dúas liñas de traballo: a primeira, crear novos espazos alí onde hai solicitudes veciñais ao respecto, como foi o caso da praza do Parque, entre Orillamar e Monte Alto, e a ampliación dos circuítos xa existentes, que exemplifica a recente reapertura da área biosaudable lindeira ao centro cívico de Palavea, renovado e que cuadruplicou a súa superficie, con máis elementos de exercicio.

A isto súmase, ademais, o avance na tramitación das obras de mellora previstas no campo de fútbol Víctor Fernández Alonso e a Cidade Deportiva da Torre-Arsenio Iglesias, así como no referente ás novas pistas multideporte dos Rosales e A Silva, que saíron a licitación despois do verán.

Publicaciones relacionadas

Botón volver arriba

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies