O Concello reforzará as liñas de transporte urbano que lle dan servizo aos cemiterios municipais, para facilitar os desprazamentos da cidadanía o xoves 31 e o venres 1
Cando:
30 de outubro de 2024
O Concello reforzará as liñas de transporte urbano que lle dan servizo aos cemiterios municipais, para facilitar os desprazamentos da cidadanía o xoves 31 e o venres 1
Ata este venres 1, incluído, os cemiterios da cidade estarán abertos unha hora máis, de 09.00 a 19.00 horas. Xa durante a fin de semana volverase ao horario habitual, con peche ás 18.00 horas
O Concello definiu xa o dispositivo especial de transporte urbano con vistas ao xoves 31 de outubro e o venres 1 de novembro, data na que se conmemora a festividade de Todos os Santos e na que se incrementan, como é habitual, os desprazamentos da cidadanía aos cemiterios municipais.
No caso de Feáns, está previsto que tanto o xoves 31 e o venres 1 se reforcen as liñas 23 e 23-A con dous autobuses máis.
Xa no referente aos cemiterios de San Pedro de Visma, Santo Amaro, Oza e San Cristovo das Viñas, o reforzo activarase especificamente o venres 1 de novembro.
As persoas que se acheguen ao cemiterio de San Pedro de Visma terán á súa disposición as liñas 3 -que contará cun vehículo máis-, 3-A, 12 e 14.
A respecto do cemiterio de Santo Amaro, habilitaranse tamén as liñas 3 e 3-A, ás que se sumará a liña 11 -cun percorrido transversal da cidade e que se reforzará con dous autobuses adicionais-. Ademais, á contorna do cemiterio tamén lle darán servizo as liñas 4, 5, 6, 6-A, 7 e 17.
Por outra banda, ao cemiterio de Oza (O Castrillón) poderase chegar a bordo das liñas 1, 12-A e 14. E ao de San Cristovo das Viñas (O Birloque), nas liñas 5, 12-A, 20 e 22.
Cómpre lembrar, ademais, que ata este venres 1 será efectiva a ampliación de horario para acceder aos cemiterios municipais, que estarán abertos de 9.00 a 19.00 horas, unha hora máis do habitual. Xa durante a fin de semana volverase ao horario habitual, con peche ás 18.00 horas.