O Concello pon en marcha o Plan de Recuperación Integral do xardín de San Carlos, con novos olmos resistentes á grafiose, rehabilitación das murallas e novos aseos
Cando:
16 de outubro de 2024
A retirada das 13 árbores sen vida iniciarase o vindeiro 21 de outubro. O plan de traballos marcado polo Concello estima que a plantación dos novos exemplares se levará a cabo durante o primeiro trimestre de 2025
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, informou esta mañá do Plan de Recuperación Integral previsto polo Concello no xardín de San Carlos, onde se levará a cabo un investimento inmediato de máis de 200.000 euros, que se incrementará a posteriori, co obxectivo de garantir o futuro medioambiental e arquitectónico dun espazo emblemático da cidade.
A finalidade, apuntou Díaz, «é reabrir ao público os xardíns tras recuperar con todas garantías a olmeda de San Carlos, para que as vindeiras xeracións poidan gozar delas tal e como foi durante o último século». Ademais, levaranse a cabo actuacións arqueolóxicas e de restauración das murallas e melloras dos servizos.
Para isto, e como paso previo, o Concello xa está a acometer un plan especial de protección da muralla que acouta o xardín, para evitar desprendementos sobre a vía pública. En paralelo, licitarase nas vindeiras semanas unha diagnose completa do estado da muralla que culminará coa redacción dun proxecto para a súa rehabilitación integral. Ademais desa diagnose completa, os traballos de rehabilitación comezarán polo parapeto da muralla, para garantir a súa estabilidade.
Díaz adiantou hoxe que, tamén de xeito inmediato, o Concello acometerá a substitución dos 13 olmos afectados polas pragas de grafiose. «Son as árbores que non superaron a enfermidade, que serán retiradas e substituídas por outros tantos exemplares resistentes ao fungo», explicou a concelleira, que deu conta do cronograma de traballos previsto polo Executivo municipal.
A retirada dos olmos afectados comezará o vindeiro luns 21
O vindeiro luns 21 de outubro activarase o procedemento para retirar os 13 olmos sen vida que hai actualmente no xardín de San Carlos. Os traballos durarán dúas semanas.
Unha vez finalizada a retirada, realizarase unha ampla sondaxe arqueolóxica para coñecer en detalle o estado e a morfoloxía dos xardíns. Esta quenda de traballos rematará en febreiro do 2025.
E, xa a continuación, o Concello iniciará as tarefas de plantación das novas árbores, proceso que levará aproximadamente dez días.
Os novos exemplares de olmo, xa reservados
Noemí Díaz fixo fincapé nos detalles referentes á diferencia de tratamento entre os olmos sen vida e os que esquivaron, polo momento, a grafiose. «A retirada dos exemplares afectados permitirá reducir o risco de que a enfermidade pase aos olmos que están libres dela. En ditos olmos seguiranse a aplicar tratamentos preventivos con endoterapia e deltametrina, os tratamentos indicados por Luis Gil, o maior experto de España en olmedas», expuxo.
Neste sentido, os novos olmos que substituirán ás 13 árbores afectadas son os exemplares de maior porte que se poden conseguir actualmente no mercado. «Serán adquiridos nun viveiro de Alemania, no que xa están reservados, e teñen un perímetro de tronco de 35 centímetros e unha altura de oito metros. Todos eles son resistentes á grafiose», indicou Díaz.
Ao mesmo tempo, o Concello establecerá un protocolo para que, en caso de que algún dos antigos exemplares sans sexa afectado pola praga, se substitúa por un novo exemplar de semellantes características aos que se plantarán agora. Díaz lembrou que «a de San Carlos é a última olmeda de Europa porque todas as demais desapareceron a consecuencia desta enfermidade», que nas últimas décadas afectou a exemplares centenarios en cidades como Cáceres e Soria. Non foron os únicos, xa que a grafiose tamén mantén en coidados intensivos ao olmo ‘Pantalones’, un dos emblemas clásicos do Real Jardín Botánico do CSIC, en Madrid.
Os permisos necesarios para actuar xa se solicitaron a Patrimonio
A concelleira recalcou que o Concello «afronta esta adversidade como unha oportunidade para poñer en marcha un plan de revitalización do noso xardín histórico máis antigo, un plan para devolverlle o esplendor ás súas murallas, recuperar os servizos nas mellores condicións e para plantar novos olmos, resistentes, que dentro duns anos nos permitan a nós e ás vindeiras xeracións gozar de San Carlos como moitos coruñeses e coruñesas puidemos velo e para que dentro doutro século luza como o xardín histórico que é para as vindeiras xeracións».
Díaz informou de que o obxectivo pasa por poder abrir ao público o xardín de San Carlos durante a primaveira do ano que vén, unha vez finalizados os traballos «e sempre e cando non se demoren os preceptivos permisos». Cómpre lembrar que o Concello xa solicitou os permisos a Patrimonio para proceder coas actuacións necesarias.
Entre as actuacións inminentes, a remodelación dos aseos públicos no xardín
A concelleira tamén informou esta mañá de que o Plan de Recuperación Integral do xardín de San Carlos inclúe a reforma e reapertura dos aseos públicos nas súas instalacións, unha medida que o Goberno de Inés Rey acometerá de xeito inminente para que sexan renovados e presten o mellor servizo posible ás e aos visitantes.