O Concello da Coruña celebra o Día das Bibliotecas con obradoiros e actividades de balde nos barrios
Cando:
23 de outubro de 2024
O Concello da Coruña celebra o Día das Bibliotecas con obradoiros e actividades de balde nos barrios
Durante esta semana, a rede de bibliotecas municipais acollen iniciativas baixo o título ‘Por un futuro sostible’ orientadas á concienciación cidadá
A Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña celebra un ano máis o Día das Bibliotecas. Nesta edición, baixo o lema «Por un futuro sostible», o Goberno de Inés Rey deseñou unha programación de actividades orientadas ao coidado do medioambiente co obxectivo de destacar o papel das bibliotecas na concienciación social.
Esta mesma tarde terá lugar unha andaina ambiental para coñecer a contorna do parque de Eirís, un roteiro guiado no que se aprenderá sobre o coidado e conservación da contorna natural. Sairá dende a Biblioteca Castrillón ás 17.00 horas.
Mañá, 24 de outubro e coincidindo coa efeméride terá lugar o obradoiros ‘crea a túa propia bolsa de tea’, onde se ensinará a reutilizar roupa vella para confeccionar bolsas de tea na Biblioteca Monte Alto ás 18.00 horas e sumará unha nova sesión o venres 25 de outubro ás 18.00 horas. Ademais, o venres levarase a cabo o obradoiro «Transforma o lixo de plástico», un taller artístico que utilizará lixo recollido das praias do litoral da Costa da Morte e da área metropolitana da Coruña. Impartiranse na Biblioteca Durán Loriga ás 18.00 horas.
Ademais, dende o pasado luns as Bibliotecas contaron con sesións de contacontos especiais baixo o título «Miña terra meu lar (contos ambientais)», un espectáculo dirixido a nenos e nenas de 4 a 8 anos co obxectivo de aprender a coidar o planeta dunha forma lúdica.
A inscrición, de balde, poderá realizarse tanto de forma presencial como en liña a través da web www.coruna.gal/bibliotecas.