O Concello culmina as obras de reurbanización parcial na avenida Casanova de Eirís, mellorando a accesibilidade fronte ao centro cívico do Castrillón
Cando:
18 de outubro de 2024
En setembro abriuse ao tráfico rodado unha nova rotonda entre a rúa Bergondo e Casanova de Eirís, e xa esta semana concluíron os traballos para remodelar un sector da avenida onde se gañaron espazos de estacionamento
O Concello completou esta semana as obras de reurbanización e mellora entre a avenida Casanova de Eirís e a rúa Bergondo, unha intervención executada no barrio do Castrillón á que o Concello destinou un investimento de 193.440,68 euros, cofinanciados con fondos Next Generation.
Esta actuación, que comezou o pasado mes de xuño, é a primeira que chega á súa conclusión das 17 para as que o Goberno de Inés Rey obtivo financiación estatal en abril do ano pasado, na segunda convocatoria de fondos Next. Para os traballos entre Casanova de Eirís e Bergondo estipulouse un prazo de execución de aproximadamente catro meses, que se cumpriu.
Cómpre lembrar que, xa a inicios do pasado mes de setembro, o plan de obras recibiu un impulso notable coa apertura ao tráfico rodado da nova rotonda ideada para reordenar o cruzamento entre a rúa Bergondo e Casanova de Eirís, un enclave no que, pola proximidade do centro cívico, a praza de Pablo Iglesias e tamén pola súa configuración previa, tiña unha ampla marxe de mellora en termos de visibilidade.
«Coa súa disposición actual, na intersección entre ambas as rúas vemos un reforzo na seguridade dos pasos peonís próximos, tamén no referente ás e aos condutores de vehículos», indicou hoxe a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, que fixo fincapé, por exemplo, na mellora de accesibilidade que supón o novo paso peonil creado fronte á entrada á biblioteca municipal.
Máis espazos de estacionamento, gratuítos, na avenida Casanova de Eirís
A apertura da glorieta en setembro permitiu abrir novamente o paso dos vehículos que chegan desde Eirís e Barrio das Flores en dirección ao Castrillón e aos Castros, mentres se avanzaba na reconfiguración do treito de Casanova de Eirís comprendido entre as rúas Abegondo e Bergondo, outra das medidas destacadas no contexto desta intervención.
Agora este sector pasa a contar cun carril por sentido para a circulación do tráfico rodado. Isto supuxo, en paralelo, a reordenación dos espazos de estacionamento, que pasaron a estar dispostos en batería e suman 23 prazas. Anteriormente, eran 32 e agora son 55, das que dúas son exclusivamente PMR.
Ademais, habilitouse tanto unha nova área de estacionamento de ciclomotores coma un aparcabicis preto dos accesos ao centro cívico do Castrillón.