O Concello avanza recuperación do patrimonio coa restauración dos lavadoiros de Palavea e Feáns
Cando:
27 de outubro de 2024
As actuacións contan cun orzamento próximo aos 25.000 euros de orzamento para reposición, restauración e limpeza das estruturas
O Concello da Coruña avanza na recuperación do patrimonio coa mellora dos lavadoiros de Palavea e Feáns, actuando así sobre dous elementos etnográficos de importante valor histórico para os barrios.
En canto ao lavadoiro de Feáns realizaranse fundamentalmente dúas intervencións. Reacomodación das tellas existentes, permitindo a súa reutilización e substitución das que se atopan en mal estado; e unha limpeza manual da vexetación adventicia no tellado co obxectivo de previr danos futuros.
Respecto ao lavadoiro de Palavea, levaranse a cabo varias melloras para garantir a súa preservación. En primeiro lugar acometerase a reparación da estrutura da cuberta, incluindo o lixado das superficies, aplicación de esmalte en dúas capas nas vigas e barnizado da tarima.
Tamén se repararán os piares de formigón armado, os muretes de pedra e as lousas lavadoras, con limpeza previa e aplicación de dúas capas de pintura plástica. Ademais, o Concello eliminará a vexetación e raíces nas paredes de sillería da fonte e lavadoiro e aplicarase a pintura en elementos metálicos e eliminación de pintadas con técnicas especializadas.
A pesar de que ningún presenta un estado moi deteriorado, o Goberno de Inés Rey decidiu actuar para garantir a súa correcta preservación. Reafirma así o seu compromiso coa protección do patrimonio e coa mellora dos espazos públicos tradicionais, promovendo a conservación dos lavadeiros como espazos de memoria e uso comunitario.